Atópanse xa á venda os tickets para poder asistir ao tradicional Xantar da 3ª Idade que terá lugar o venres 4 de agosto na Carballeira das Ermidas
O alcalde da Lama, David Carrera Cal, e os concelleiros Plácido Pillado Alfaya, Andres Cal, Trinidad Fernández e Domingos Ramos presentaron esta mañá a programación do Verán Cultural do Concello da Lama na que se recollen actuacións musicais en directo, Festa da Mocidade, teatro, unha festa infantil e o tradicional paseo en piragua polo río Verdugo.
O rexidor recordou tamén que continúan á venda os tickets para poder asistir ao tradicional Xantar da 3ª Idade que terá lugar o domingo 4 de agosto na Carballeira das Ermidas a un prezo para as persoas empadroadas e que cumpran os requisitos de 12 euros e os que non a 35 euros.
Así, o venres 26 de xullo no contesto das festas locais de Santa Ana e San Xoaquín actuará na Praza da Pedreira, ás 20 horas, a Banda de Música Municipal da Lama. O relevo darallo ao día seguinte no mesmo escenario e á mesma hora a Banda de Música Artística de Bueu.
O domingo 28 terá lugar dentro do programa +Música da Deputación de Pontevedra o concerto de música folk galega protagonizada por Anxo Lorenzo Band, ás 22 horas na Alameda da Lama.
O luns 29 de xullo a partir das 18:30 horas no Multiusos da Lama tócalle o turno ao contamaxia A Lama cun espectáculo titulado Glub Glub a cargo de Expresión Contacontos.
O martes 30 de xullo a partir das 23:30 horas terá lugar na Alameda a II Festa da Mocidade coa participación do grupo de animación de rúa La Mekanika e completarase a xornada coa intervención do coñecido Dj de Ponte Caldelas Aitor Alfonsín.
O mércores 31 de xullo, a partir das 20:30 horas, no Multiusos da Lama haberá unha actuación teatro a cargo do grupo Teatro Amileños que porán en escea a obra “A chegada de Carmiña” do dramaturgo galego Manuel Daniel Varela Buxán.
O mes de agosto comezará o xoves día 1 co tradicional paseo en piragua polo río Verdugo desde a praia fluvial, a partir das 17 horas. Aquelas persoas que queiran participar, a partir dos 3 anos de idade, deberán facelo por quendas ata o 31 de xullo na Biblioteca da Lama ou chamando ao teléfono 986 76 82 38-ext. 4 ou no 633 655 233. Esta actividade realízase en colaboración co Club de Piragüismo de Vilaboa.
O venres 2 de agosto, a partir das 17 horas, os inchables e as piscinas móbiles tomarán a Alameda para celebrar a Festa Infantil na que non faltarán nin a música nin a escuma para mitigar os efectos da calor deste verán.
O domingo 3 de agosto terá lugar o tradicional Xantar da 3ª Idade que, como sempre, terá lugar na Carballeira das Ermidas, en Antas. Os interesados en participar que estean empadroados e cumpran os requisitos poderán facelo a un prezo subvencionado polo Concello de 12 euros mentras que os que non, deberán abonar íntegramente o prezo do prato que son 35 euros. Os tickets están xa á venda nas oficinas do Concello e os interesados en participar deberán retirar previamente o boleto para poder asistir a este xantar.
Finalmente, o martes 6 de agosto pecharase o programa estival do Concello da Lama honrando ao patrón, San Salvador, ademais dos actos relixiosos previstos este ano terá lugar un concerto de acordeóns, na Praza da Pedreira, ás 12:30 horas, a cargo do grupo Acorde Sons do Verdugo.

