- No acto organizáronse corenta e dúas homenaxes a clubs e deportistas locais
- O acto contou coas actuacións musicais de diversos grupos da vila e tamén coa asistencia das tres administracións que financiaron as obras
O Concello de Bueu celebrou este xoves, 6 de agosto, unha gran festa do deporte local. A inauguración do Pavillón Municipal de Beluso foi o epicentro baixo o que tivo lugar un acto no que os protagonistas foron os clubs e deportistas da vila, cunha corentena de homenaxes que se promoveron dende o consistorio.
O evento comezou pasadas as oito da tarde, cunha ruada da Banda de Gaitas Novos Ventos de Beluso e cunha actuación do grupo de baile Toxiñas. Xa a continuación se comezou coa parte máis emotiva do acto, e que estivo presentada polos veciños Emilio Dopazo e Alberto Otero: as homenaxes ao deporte. En primeiro lugar entregáronse as placas conmemorativas aos clubs deportivos da vila, aos que se agradece polo traballo levado a cabo ao longo de todo o ano e os éxitos conseguidos. Así, os galardóns foron para o Club do Mar Bueu Simei, o Club de Atletismo Corredoiras, o Club de Atletismo Galaicas, o Bueu Atlético Balonmán, a Agrupación Deportiva Fútbol Sala Bueu, o Club Deportivo Bueu, o Club Taekwondo Siu, o Club de Xadrez, o Club Ciclista Bueu, o Club Náutico Beluso, o Club de Buceo Ons e a Cultural Deportiva Beluso. Na parte das homenaxes individuais, os protagonistas foron os equipos infantil feminino, infantil masculino e sub 23 masculino do Club do Mar Bueu, María del Rosario Figueroa Figueroa, José Manuel Martínez de la Torre ‘Cachi’, Silva Portela Chapela, Alba Urdiales Castro, Martín Vilas Neves, Nora Entenza, o equipo de veteráns da CD Beluso, Daniel Cantero Vidal, os equipos infantil feminino, cadete masculino e senior feminino do Bueu Atlético Balonmán, Alba Campos, Elianne Germade, o equipo de veteráns do CD Bueu, Víctor Otero Fazanes, Abel Moreira Rodríguez, Natalia Castro Santos, as irmáns Nuria e Iria Rodríguez Iglesias, Mario Barreiro González, Tamara Santos Fernández, Roque Docampo Valencia, Kike Cerqueiro Tenorio, Hugo Fernández Riobó, Antón Ríos Entenza e Salvador Santos Solla ‘Charri’.
Tras a actuación do grupo de zumba de Susi Alonso, o acto continuou coas intervencións dos representantes das institucións asistentes, que son as que financiaron a actuación do Pavillón. Xisela Aranda, directora de deportes da Deputación de Pontevedra, puxo o foco na importancia de que “as administracións constrúan infraestruturas pensadas para as persoas e as súas necesidades”. Blanca García- Señoráns Álvarez, directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra – Vigo, incidiu no compromiso da Xunta de Galicia co municipalismo e con estes proxectos e referiuse a este pavillón como “o mellor de toda a comarca”. Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde da vila, salientou que “o esforzo levado a cabo polo Concello para esta obra identifícase moito cos valores do deporte, que tamén inclúen o esforzo e que sempre é un gran camiño”.
O acto culminou coa interpretación do himno galego con Novos Ventos e cun petisco no exterior do Pavillón.

