HomePontevedraCaldasO concello de Caldas de Reis adxudica a obra do parque para...

O concello de Caldas de Reis adxudica a obra do parque para persoas da terceira idade na Tafona

- Anuncio -spot_img

O proxecto conta cun orzamento próximo aos 30.000 euros, financiado con fondos municipais, e ten un prazo de execución de tres meses

O alcalde, Jacobo Pérez, explica que o espazo contará con pista de petanca, área de xogo da chave e biosaudables, e destaca os pasos dados polo Goberno local para consolidar A Tafona como punto de encontro interxeracional

O Concello de Caldas Reis vén de adxudicar unha actuación que servirá para consolidar a contorna da Tafona como un punto de encontro de referencia e de carácter interxeracional. Trátase do proxecto para habilitar un parque para persoas da terceira idade nesta zona. En concreto, esta futura área contará cunha extensión de preto de 1.000 metros cadrados, entre o río Umia e o Bendaña. As obras serán executadas pola empresa Garocaprim Sociedad Limitada e contarán un orzamento que ascende a 36.298,16 euros, IVE engadido. A oferta desta empresa foi a que tivo a puntuación máis alta das catro propostas que se presentaron ao proceso de licitación.

Tal e como consta no proxecto, este espazo será de carácter multidisciplinar e, tal e como explica o alcalde, Jacobo Pérez, “ofrecerá ás persoas maiores do noso concello e da contorna practicar diferentes xogos, consolidándose como un lugar de encontro e de socialización de calidade”. Deste xeito, a actuación contempla a dotación dunha pista de petanca, ademais dun espazo específico para o xogo da chave. A maiores, a empresa adxudicataria instalará cinco novos elementos biosaudables, para a realización distintos exercicios de mantemento, e que contarán cos correspondentes paneis informativos sobre o seu uso.

A zona tamén contará cun novo mobiliario, composto por asentos e mesas de pedra, respectando en todo momento o espazo da contorna.
Asemade, vaise realizar unha mellora no pozo de cachotería que existe na zona. Por último, habilitarse unha fonte de auga potable, que contará con dous grifos, un para persoas e outro para mascotas.

O prazo de execución das obras será de tres meses, sen posibilidade de prórroga, a contar desde a notificación da adxudicación do contrato.
Deste xeito, o novo parque para persoas da terceira idade estará previsiblemente operativo a finais de verán. Esta actuación vai encamiñada dentro da folla de ruta que mantén o Goberno local á hora de dar resposta ás necesidades da xente maior. “Para nós é innegociable garantir unha boa calidade de vida para a nosa veciñanza, especialmente para as persoas da terceira idade e estamos convencidos de que este parque acabará consolidándose como un lugar de encontro no que socializar e practicar hábitos saudables”, sinalou o alcalde. Neste sentido, Pérez Gulín incidiu na importancia de que o parque da terceira idade se emprace nun lugar tan emblemático como é A Tafona.

A execución deste proxecto, que se financia con fondos propios e que conta con todos os permisos necesarios, dá continuidade á dotación dunha pista polideportiva multidisciplinar na Tafona, estreada xa hai uns meses, e que consolida este espazo como un punto de lecer de referencia na bisbarra do Umia.

Publicacións Relacionadas