O Concello de Covelo ten en marcha dúas enquisas dirixidas á cidadanía co obxectivo de coñecer as súas opinións, identificar necesidades e contar coa participación da veciñanza na planificación das futuras actuacións municipais. Unha delas está centrada na elaboración do IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, mentres que a outra permitirá organizar os horarios dos obradoiros formativos dirixidos á mocidade, concedidos ao abeiro do programa Xuventude a Máis da Deputación de Pontevedra.
O alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, anima á cidadanía a participar nestas iniciativas e destaca a importancia de escoitar as persoas á hora de tomar decisións. “Para nós é importante coñecer a opinión da veciñanza, saber que precisa e cales son as súas prioridades. A participación cidadá axúdanos a planificar mellor as actividades e os servizos municipais, polo que animamos a todas as persoas a dedicar uns minutos a responder estas enquisas”, sinala.
Tras finalizar o período de vixencia do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes (2022-2026), o Concello iniciou os traballos para elaborar o IV Plan, un documento que permitirá establecer novas liñas de actuación para seguir avanzando cara a unha sociedade máis igualitaria. A enquisa pretende coñecer a situación actual da igualdade no municipio, avaliar o impacto das actuacións desenvolvidas e identificar necesidades e aspectos nos que cómpre continuar traballando. A participación está aberta ata o 15 de novembro de 2026.
A enquisa pode cubrirse a través da seguinte ligazón: https://forms.gle/hzfxN38ensFL4sTbA
A segunda consulta está dirixida á mocidade e permitirá coñecer as súas preferencias para organizar tres obradoiros formativos concedidos ao Concello dentro do programa Xuventude a Máis da Deputación de Pontevedra. As propostas inclúen formación en saúde mental e autocoidados, un curso de DJ e outro de edición de vídeo e fotografía. Cada obradoiro terá unha duración de 20 horas e un custo de 5 euros por participante.
A través deste cuestionario, o Concello quere coñecer que días e horarios resultan máis axeitados para facilitar a asistencia e adaptar a organización das actividades á dispoñibilidade das persoas interesadas. Ademais, cada participante poderá amosar o seu interese nun, dous ou nos tres cursos.
O cuestionario está dispoñible nesta ligazón: https://forms.gle/pAoFSaApgJgGafMW7
O Concello continuará poñendo en marcha novas enquisas sobre diferentes ámbitos da vida municipal, co propósito de manter unha comunicación próxima coa cidadanía e incorporar as súas achegas á planificación das iniciativas locais. Desde o goberno municipal considérase que a colaboración da veciñanza é fundamental para coñecer mellor a realidade do municipio, detectar necesidades e impulsar propostas que respondan aos intereses das persoas que viven en Covelo.
O alcalde insiste na importancia de participar nestes procesos e agradece de antemán a colaboración de todas as persoas que dediquen uns minutos a compartir a súa opinión, contribuíndo así a construír un Covelo máis participativo, igualitario e adaptado ás necesidades da súa veciñanza.

