O Concello de Mos recibe ao Club BailaMos trala súa destacada participación no Dance Expo 2026 de Italia

Redacción

O Concello de Mos ofreceu onte unha recepción oficial ao Club BailaMos para recoñecer a súa participación no Dance Expo 2026, celebrado os días 23 e 24 de maio na cidade italiana de Ferrara, unha cita internacional dedicada ao baile social e á danza deportiva afeccionada.

A expedición estivo integrada por nove alumnos dos grupos de baile social dirixidos por Patricia Martínez, que se desprazaron ata Ferrara para participar nesta cita internacional xunto con escolas e bailaríns procedentes de distintos países europeos.

Durante a xornada dedicada aos participantes adultos, os integrantes de BailaMos asistiron a talleres formativos, exhibicións e competicións nas diferentes disciplinas de baile social, nun formato no que cada ritmo se disputa de maneira individual.

O balance deportivo foi moi positivo, ao regresar con numerosas medallas de bronce, varias medallas de prata e dous ouros conquistados pola parella formada por David e Miriam.

Ademais dos resultados acadados na pista, o Club BailaMos recibiu un recoñecemento especial por parte da organización ao ser distinguido como o club participante chegado desde o lugar máis afastado, unha distinción simbólica que puxo en valor o esforzo realizado para asistir ao evento.

Durante a recepción oficial, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada polos concelleiros Felisa Rodríguez, Camilo Grandal, Leo Costas e demais membros da corporación municipal, felicitou aos integrantes do club e destacou o seu compromiso, esforzo e dedicación, así como o labor desenvolvido por Patricia Martínez á fronte do proxecto, contribuíndo á promoción do deporte, da cultura e da convivencia a través do baile.

Pola súa banda, Patricia Martínez destacou que, máis alá das medallas obtidas, a participación no Dance Expo supuxo unha oportunidade para seguir aprendendo, intercambiar experiencias con bailaríns doutros países e continuar medrando como grupo.

Comparte este artigo