O Concello de Mos recoñece aos nadadores do Club Natación Mos trala mellor temporada da súa historia

Redacción

O Concello de Mos celebrou unha recepción oficial para homenaxear aos nadadores do Club Natación Mos Marcos Garabatos, Eva Martínez, Carolina Pereiro, Noa Salgueiriño e Antía Hermida, representada pola súa familia ao non poder asistir ao acto, en recoñecemento aos extraordinarios resultados acadados durante esta tempada, a máis exitosa da historia da entidade.

Durante a recepción, a alcaldesa Nidia Arévalo felicitou aos deportistas e puxo en valor o seu esforzo, dedicación e compromiso, destacando que os seus éxitos son tamén o reflexo do excelente traballo realizado polo equipo técnico, a Xunta Directiva do Club Natación Mos e as familias, cuxo apoio resulta fundamental para o crecemento deportivo da entidade.

Un dos grandes fitos da tempada chegou no Campionato Galego Júnior de Verán, celebrado en Ourense, onde o equipo feminino formado por Eva Martínez, Carolina Pereiro, Noa Salgueiriño e Antía Hermida acadou un histórico terceiro posto por clubs, cun total de 223 puntos e dez medallas, só por detrás do CN Portamiñá de Lugo e do SC Casino da Coruña.

As catro nadadoras proclamáronse ademais campioas galegas no relevo 4×100 estilos, integrado por Eva Martínez en espalda, Carolina Pereiro en braza, Antía Hermida en bolboreta e Noa Salgueiriño en libre.

No apartado individual, Eva Martínez proclamouse campioa galega dos 50 e 100 metros espalda, foi medalla de prata nos 50 metros libre e medalla de bronce nos 200 metros espalda, confirmándose como unha das grandes figuras da natación galega da súa categoría.

Pola súa banda, Carolina Pereiro asinou un extraordinario campionato ao conquistar o ouro nos 50 e 100 metros braza e a prata nos 200 metros braza, consolidándose entre as mellores especialistas galegas desta disciplina.

Noa Salgueiriño contribuíu de maneira decisiva ao éxito colectivo, logrando ademais a medalla de bronce nos 200 metros braza, mentres que Antía Hermida completou unha brillante actuación coa medalla de bronce nos 50 metros bolboreta, ademais da súa importante achega ao relevo campión de Galicia.

A recepción serviu tamén para recoñecer a histórica clasificación de Eva Martínez para o Campionato de España Absoluto – Open Trials, converténdose na primeira nadadora da historia do Club Natación Mos en participar na máxima competición nacional, disputada en Palma de Mallorca, tras conseguir a mínima nos 50 metros espalda cun tempo de 30.78, quedando a só catro centésimas do récord galego de 18 anos. Eva volverá representar ao club no Campionato de España Júnior de Verán, que se celebrará este mes en Sabadell.

Outro dos grandes protagonistas da xornada foi Marcos Garabatos, que protagonizou unha actuación histórica no Campionato Galego Infantil de Verán, onde conquistou catro títulos autonómicos nas probas de 50 e 100 metros libre e 50 e 100 metros bolboreta.

Durante o campionato estableceu, ademais, os novos récords galegos de 15 anos nos 50 metros libre (24.61) e nos 100 metros libre (53.48), aos que se suma o récord galego conseguido previamente nos 50 metros bolboreta (26.03) durante o Trofeo Internacional Ence-Galaico, unha marca que o sitúa entre os mellores nadadores infantís do panorama nacional.

Marcos competirá a partir do próximo 16 de xullo no Campionato de España Infantil, en Las Palmas de Gran Canaria, onde disputará cinco probas: 50, 100 e 200 metros libre, e 50 e 100 metros bolboreta, partindo entre os favoritos para loitar polas medallas.

Durante o acto, a alcaldesa, que estivo acompañada polos concelleiros Felisa Rodríguez, Camilo Grandal, Leo Costas e demais membros da corporación municipal, destacou que “o talento, o traballo e a ilusión permiten que un club dun concello como Mos compita ao máximo nivel fronte ás grandes entidades deportivas de Galicia e de España”.

O Concello de Mos trasladou o seu parabén aos cinco deportistas, ao equipo técnico, á Xunta Directiva e ás súas familias, agradecéndolles o seu compromiso e desexándolles moitos éxitos nas próximas competicións nacionais, nas que volverán representar con orgullo o nome de Mos.

Pola súa banda, Adrián Trillo, presidente do CN Mos, destacou “o gran apoio institucional prestado polo Concello de Mos, para facer posible a consolidación da natación no municipio, cun club que crece en cantidade e calidade ano a ano”, e agradece o labor de tódolos traballadores da Piscina Municipal e do departamento de Deportes sen “os cales non sería posible” e puxo en valor “o gran labor e compromiso destes deportistas e do centenar que compoñen o club na actulidade, cuxo esforzo e sacrificio diario, unido ao gran equipo técnico da entidade, fan posible un crecemento constante ano tras ano”.

Comparte este artigo