Presentáronse 6 propostas, elixíndose por unanimidade á gañadora, sendo este estudo quen redacte o proxecto para reformar o vial cun orzamento máximo de 1,4 millóns
Neste primeiro concurso que convoca o Concello de Nigrán o xurado valorou a sinxeleza da proposta ao integrar os diferentes tráficos e incorporar ao trazado espazos públicos para o carril-bici como a zona verde do faro de Canido e río Negro
“O reto era transformar a Avenida Castelao nunha estrada amable e de referencia en canto a mobilidade sostible e esta proposta o consigue perfectamente”, considera o alcalde, Juan González
A mobilidade sostible dará un paso de xigantes en Nigrán. A Avenida de Castelao, estrada de referencia que conecta o centro urbano coa praia, xa ten plan de remodelación. O Concello de Nigrán ven de elixir o proxecto de ‘Rodríguez y Rivoira Arquitectos’ nomeado ‘Territorio Compartido’ como gañador do concurso de ideas con xurado convocado en abril, o primeiro certame deste tipo convocado na Historia do Concello e que se saldou con 6 proxectos presentados. O xurado valorou especialmente a sinxeleza da proposta, que integra os diferentes tráficos e incorpora ao trazado espazos públicos como a zona verde do faro de Canido e río Negro para ‘independizar’ o carril-bici. Esta idea gañadora, dotada con 10.000 €, será a que se tome para reformar o vial cun orzamento máximo de 1,4 millóns incluíndo as canalizacións. Os seguintes tres clasificados recibirán premios 4.000 €, 3.500 € e 2.500 € respectivamente.
“O reto era transformar a Avenida Castelao nunha estrada amable e de referencia en canto a mobilidade sostible, e esta proposta o consigue perfectamente”, considera o alcalde, Juan González, quen formou parte do xurado xunto ao edil de Vías e Obras, o arquitecto municipal de Nigrán e o de Gondomar e dous técnicos da Deputación das áreas de Arquitectura e Infraestruturas. Unanimemente elixiron a ‘Rodríguez y Rivoira’, estudo moi coñecido con sede en Vigo e formado polos arquitectos de orixe bonaerense Daniel Rivoira e Julio Daniel Rodríguez, tendo participado en máis de 800.000 m2 de edificación dentro e fora de España entre as que destacan en Vigo o paseo marítimo de Bouzas (2001) ao marxe de diferentes promocións de vivendas. Tras este fallo, eles redactarán o conseguinte proxecto (establécense 11.837 € en honorarios para o proxecto básico e 23.675 € para o de execución).”Cremos que con este concurso de ideas eliximos a mellor fórmula para atopar a mellor solución”, sintetiza o rexedor.
O obxectivo era converter esta vía nunha conexión prioritaria para todos aqueles que desexen desprazarse a pé ou en bici á praia de xeito totalmente seguro, tal e como o Concello ven defendendo desde o ‘Plan Local de Mobilidade Sostible Vía-Bici’ e tamén a través do colectivo de expertos da comarca ‘Resiliencia’. Sobre esta premisa, o xurado premia a ‘Rodríguez y Rivoira Arquitectos’ por achegar “unha actuación minimamente invasiva na contorna preexistente, o que facilitará a incorporación amable da proposta a escena urbana dunha das principais vías de acceso á praia dende o núcleo urbano do municipio”. Así, o estudo argumenta que para que esta estrada cumpra a premisa debe ofrecer a sensación de seguridade, e iso pasa por aproximar a velocidade dos automóbiles á dos peóns e ciclistas, “sendo imprescindible calmar o tráfico” para recoñecer o percorrido como un “espazo compartido” (lema que elixiron para este concurso anónimo). A amplitude de miras á hora de deseñar o novo vial materialízase ao integrar o carril bici na zona verde do faro de Canido e río Negro, outorgándolle “calidade paisaxística” a unha zona actualmente en desuso. Neste sentido, explican que separar o carril-bici permite non eliminar prazas de aparcamento e xera maior confianza no peón, polo que limitan a coexistencia “aos tramos imprescindibles” . O resultado final debe ser “unha baixada á praia pracenteira, tanto pola calidade da contorna que percorre como pola percepción de seguridade que ofrece”.
O goberno de Nigrán mantén como obxectivo deste mandato que a bicicleta sexa o gran referente da mobilidade sostible no municipio. Se anteriormente se estableceu o ‘Nigranbus’ (unha liña de autobús intramunicipal que se achega ás parroquias do interior), diversas facilidades para os vehículos eléctricos como electroliñeiras gratuítas ou a e creación de parkings disuasorios; agora o o reto é fomentar os desprazamentos en bicicleta polo municipio empregando vias compartidas que outorguen as máximas garantías de seguridade. “Apostamos por unha mobilidade amable, segura, limpa, económica, saudable e compartida” indica González, quen, precisamente, por este motivo, creou a concellería de ‘Desenvolvemento Sostible’ que dirixe Roberto Garrido e a de Accesibilidade con Estela Pérez ao fronte. “Queremos implantar unha nova cultura da mobilidade, con solucións innovadoras, alcanzables e que reducen as emisións e iso é o que buscabamos neste concurso de ideas”. “Empezamos facilitando os desprazamentos desde os diferentes núcleos cara a praia, pero o plan é ambicioso e estamos convencidos de levalo adiante porque queremos seguir dando pasos de cara a un Nigrán amable coas persoas e co medio ambiente nun contexto de crise climática. Ademais, forma parte das nosas iniciativas de cara a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible desde o local”, resume o alcalde, quen defende o uso da bicicleta tamén en termos de “habitabilidade, saúde, medio ambiente, equidade e sociabilidade”.

