O Concello mantén así o proxecto ‘Vivindo Saúde-Acompaña’ iniciado no 2023 e que permite que, coa axuda dun asesor persoal, os usuarios recuperen patróns de conducta claves para a súa vida diaria, como poden ser facer a compra, manexar cartos ou medicación, transporte público…
“Nunca deixaremos de apoiar este tipo de proxectos que melloran a calidade de vida das persoas que o teñen máis difícil”, sinala o alcalde sobre esta iniciativa que ese encadra na política ‘Un Nigrán para todos’
O Concello de Nigrán garantirá a continuidade do programa ‘Acompaña’ de Avelaíña para favorecer a autonomía das persoas con problemas de saúde mental. Así, o goberno local consignou 15.000 € a este fin para que a asociación siga levando adiante esta iniciativa que se encadra no proxecto ‘Vivindo Saúde’, estreado con éxito no 2023 coa financiación deste Concello. O obxectivo é que os 25 usuarios da comarca con trastorno mental grave gañen autonomía grazas á figura dun ‘asesor persoal’ co que traballan patróns de conducta claves para a súa vida diaria, como poden ser facer a compra, manexar cartos ou a medicación ou empregar o transporte público. Paralelamente, os seus familiares directos vense beneficiados ao aliviar a súa sobrecarga de coidados.
“Nunca deixaremos de apoiar este tipo de cuestións que melloran a calidade de vida das persoas que o teñen máis difícil porque ese é un dos nosos piares da nosa política ‘Un Nigrán para todos’”, sinala o alcalde, Juan González.
O certo é que a maioría das persoas que padecen Trastorno Mental Grave e de longa duración teñen problemas coas actividades da vida cotiá, como poden ser a hixiene persoal, autocoidados, manexo da contorna social e doméstica… Ademáis, cústalles tomar decisións e resolver asuntos diarios como poden ser comprar e elaborar a súa propia comida, a economía do fogar, trámites administrativos, tarefas domésticas… “Todas estas carencias tradúcense nunha pobre calidade de vida no paciente e na familia, por iso con este proxecto trata de instaurar no seu día a día patróns básicos de conduta que lle fan gañar autonomía”, explican desde Avelaíña. “Non só é recuperar, tamén é desenvolver ou manter as habilidades de autonomía persoal e social de cada quen para avanzar na súa independencia”, recalcan.
Con este obxectivo, as actividades son teórico-prácticas, alternando coñecementos xerais e instrumentais coa práctica do aprendido. Igualmente, sempre se trata de explicar os pasos a seguir e que o fagan de xeito autónomo pero, cando non teñen as suficientes destrezas, pode incluír o acompañamento a centros sanitarios ou organismos oficiais para realizar trámites. En calquera caso, sempre se realizará todo coordinado co resto de axentes implicados en cada suxeito (psiquiatras, psicólogos, persoal médico, traballadora social, docentes…). “O balance ata agora non pode ser mellor e o noso propósito é que o programa continúe ano a ano”, resume o rexedor.
Avelaíña
A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1997 na comarca do Baixo Miño, coa misión de potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Foi declarada Entidade de Utilidade Pública no ano 2010. Tras 25 anos de andaina, na actualidade a asociación está integrada por 20 profesionais e máis de 400 persoas socias con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde.
Sendo o seu ámbito de actuación a provincia de Pontevedra, hoxe en día Avelaíña está presente no Baixo Miño, no Val Miñor, no Condado, na Paradanta e en Salceda de Caselas e conta con numerosos convenios e concertos con organismos públicos, promovendo aquelas intervencións na área da saúde mental non cubertas polas institucións existentes e procurando unha mellor relación entre a persoa e o seu medio.
Avelaíña Val Miñor conta cun Centro de Rehabilitación Psicosocial con 25 prazas concertadas polo Sergas e ofrece numerosos servizos como son, información e asesoramento, apoio psicológico, respiro familar e actividades de rehabilitación psicosocial a persoas afectadas e as súas familias.

