Unha investigación da Policía Local permitíu localizar aos infractores, que se expoñen a multas de entre 1.500 € e ata 100.000 €
Axentes de paisano emprenderon desde xuño unha operación especial de vixiancia nos puntos ‘quentes’
O Concello de Nigrán ven de indentificar a través da Policía Local a catro responsables de verquidos incontrolados no municipio que se expoñen de multas de entre 1.500 € e ata máis de 100.000 € no caso máis grave. Axentes de paisano vixían desde inicios de verán os habituais puntos ‘quentes’ para detectar infractores e, entre esta semana e a pasada, localizaron aos responsables dun verquido na rúa Mestra Elvira (Panxón), outro na rúa Camesella (San Pedro), outro no Camiño dos Concellos (San Pedro) de proporcións inxentes e, finalmente, un fronte ao propio Punto Limpo (rúa Gándara, en San Pedro). Todos eles son lugares onde reiteradamente aparece lixo.
O primeiro deles, efectuado na Praza Mestra Elvira, foi realizado o 15 de xullo e consistía en restos de poda trasladada ata alí nun turismo marca Mercedes que pertence a un veciño de Baltar (Ourense). O expediente sancionador xa está iniciado, expóndose a multas económicas de entre 2.001 € e 100.000 € (cando é un residuo perigoso pode ascender ata 600.000 €). A maiores, a semana pasada, diante da porta do Punto Limpo, un particular vaciou tamén restos de poda desde o seu vehículo, sendo gravado polas propias cámaras. Pola súa banda, esta semana abriuse un expediente por un verquido de bolsas cheas de diferente tipo de lixo esta semana en Camiño da Camesella (aparentemente, lixo doméstico). Finalmente, o xoves apareceu un verquido de proporcións inxentes no Camiño dos Concellos a base de mobiliario, cartóns, restos de obra… téndose localizado xa ao infractor grazas á Policía Local e a colaboración da veciñanza.
En total, o Concello de Nigrán ten constancia de máis dunha decena de zonas non autorizadas repartidas entre as 7 parroquias e onde habitualmente aparecen escombros ou lixo pese a haber sinais de advertencia e de retiralos asiduamente, como é o caso destes catro lugares mencionados.
“É unha actitude incívica que non ten o máis mínimo sentido e que non estamos dispostos a consentir porque no Concello de Nigrán temos un Punto Limpo que incluso recolle restos de xardinería, e un servizo de recollida de enseres voluminosos previa cita, todo gratuitamente”, explica o alcalde, Juan González. Así, o Punto Limpo ubicado na rúa Camesella, abre de luns a sábados de 9:00 a 14:00 e os mércores tamén de 16:00 a 19:00 horas, sendo o lugar autorizado para deixar refugallo voluminoso ou moi contaminante (como poderían ser aceites, disolventes, pinturas ou radiografías) e, pola súa banda, a empresa concesionaria Prezero ten un servizo de recollida de enseres que non poden ir ao contenedor habitual e que funciona cada 15 días e que se pode solitar no 90070011 ou por whatsapp no 680870527.

