O concello de Nigrán ofrece a película “La buena hija” con motivo do 25-N

Redacción

O Concello centra a campaña deste ano na violencia vicaria, polo que as propias crianzas da ‘Xeración Xa!’ lerán o manifesto deste ‘Día Internacional para a erradicación da violencia de xénero’

O Concello de Nigrán ofrecerá este mércores 25 de novembro, Día Internacional para a erradicación da violencia de xénero, a película ‘La buena hija’ (España, 2025) ás 19:00 horas nos Cines Municipais da Ramallosa. A entrada é de balde ata completar aforo. O filme dirixido por Julia de Paz Solvas aborda as secuelas da violencia vicaria e de xénero, dende a perspectiva dunha adolescente.

Esta é a temática da campaña deste ano a proposta do órgano municipal de Participación Infantil e Xuvenil autonomeado ‘Xeración Xa!’. Precisamente, unha representación deste grupo realizará a lectura do manifesto ás 12:00 horas na Praza do Concello. Ese día tamén serán os protagonistas do Pleno Infantil e Xuvenil que se celebrará no Auditorio, onde se exporán diferentes murais elaborados polo alumnado de varios centros educativos tras ter participado nun obradoiro sobre violencia de xénero e violencia vicaria.

Baixo o lema ‘Ante a violencia vicaria, non mires para outro lado’ o Consistorio elaborou cartelería, chapas, pegatinas e paraugas co obxectivo de prestar atención a unha das formas mais crueis e devastadoras da violencia de xénero, aquela na que se instrumentaliza aos fillos e fillas, ou outras persoas do entorno afectivo da vítima, como obxectivo de causarlle o maior dano psicolóxico posible. As manifestacións mais extrema poden incluír o asasinato, pero adquire temén outras expresións que se ben non letais, son mais recorrentes e afectan o un número maior de vítimas. Comportamentos como as ameazas de facer dano aos/as menores ou non devolvelos unha vez finalizadas as visitas, a instrumentación do sistema xudicial con denuncias infundadas ou preitos interminables que desgastan económica e/ou emocionalmente ás nais, a obstaculización de tratamentos médicos necesarios, descoidar a educación das crianzas ou poñelas en situación de perigo, as descualificacións da figura materna coa intención de romper o vínculo filial, minimizar a falta de pago da pensión alimenticia como “simples problemas económicos ou de organización”, cando en realidade teñen como obxectivo a asfixia económica da nai, utilizar ás crianzas para enviar mensaxes hostís, espiar ou cuestionar a vida privada da nai… A imaxe da campaña mostra un rostro infantil coa boca tapada cunha man e varias bolboreta de cor violeta que contrastan cun fondo máis escuro. As bolboretas violetas estanse a converter nun símbolo de denuncia, memoria e visibilización da violencia vicaria impulsado por unha muller vítima cuxas fillas foron asasinadas.

Comparte este artigo