O evento máis característico do entroido nigranés finalmente non poderá festexarse tampouco este sábado 2 de marzo
O Concello de Nigrán volve a pospoñer o seu tradicional enterro do kiko previsto para este sábado 2 de marzo ante a previsión de choiva. O evento máis característico do entroido nigranés, realizado grazas ao Centro Cultural Parada do Miñor, xa non se puido celebrar pola mesma razón o domingo 25 de febreiro. O Concello anunciará nos vindeiros días a nova data agardando ao parte meteorolóxico.
Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico ‘Enterro da Sardiña’, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que esta ave representa á entidade). Ao longo dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento distintivo do entroido nigranés ao incluír o Concello hai oito anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal e co kiko tirado por un carro de bois (nesta edición os bois non poderán estar).

