Un total de 65 estudantes dos ciclos superiores de Recursos Naturais e Forestais e Ambiental colaboraron coa Brigada Forestal Municipal en diferentes tarefas
“O obxectivo é intercambiar coñecementos para aplicar aquí no parque e darlles a oportunidade de formarse”, explica o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán recibíu esta mañá no parque forestal ‘Os Matos-Río Táboas’ a 65 alumnos e alumnas do ‘CIFP A Granxa’ de Ponteareas para realizar diferentes tarefas nos terreos correspondentes a Camos. O alcalde de Nigrán, Juan González, e a xefa da brigada forestal Municipal, Carla Pérez, fixeron unha pequena presentación sobre este parque xurdido tras os incendios de 2017 grazas á cesión de 42 hectáreas das comunidades de montes de Camos e Chandebrito. A continuación, dividiuse ao grupo para que traballase durante toda a mañá en diferentes facetas: reforestación con especies autóctonas (teixo, carballo, cerdeira, madroño, nogueira e castiñeiro); inoculación de setas shiitake, descortizado de acacia para erradicala, biotrituración e manexo da motobomba grazas á colaboración dunha brigada de Medio Rural.
“O obxectivo é intercambiar coñecementos para aplicar aquí no parque e darlles a oportunidade de formarse, tal e como fixemos o mes pasado co CFEA de Lourizán”, explica o alcalde, Juan González.
Parque Forestal Os Matos-Río Táboas
Este será o primeiro parque forestal da comarca, situado na zona do Río Matos-Táboas (no monte comunal das parroquias de Camos e Chandebrito). Este espazo natural vertebrado pola fraga do río Táboas ubícase en 42 hectáreas de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas). O obxectivo é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que están sendo recuperados, conservados e promovidos. Este lugar terá unha función social e servirá de protección aos núcleos de poboación máis próximos.
A súa transformación consiste na erradicación completa das especies invasoras e a realización de plantacións e, nunha segunda fase, creación de espazos públicos, restauración dos muíños, posta en valor dos petroglifos… Na parte central, en 6,5 ha, contémplase un arboreto representativo dos bosques galegos. Ademais, en dúas zonas con abundante pedregosidade e afloramentos rochosos (5,7 ha) plantaranse carballos autóctonos para reter o terreo e, finalmente, nas dúas valgadas naturais existentes (1,92 ha do extremo sur e leste) reforestarase con frondosas autóctonas.
O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos); medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a pimeira delas inclúe zona de aparcamento; acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo); medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…)

