O Concello mercou o ano pasado os antigos cines do centro comercialpor un total de 74.415 € e agora investirá medio millón de euros procedentes de fondos europeos nunha reforma integral que fará o espazo máis versátil
O proxecto, que sairá a licitación a vindeira semana, consiste en converter as dúas salas de cine actuais nun auditorio multifuncional de 106 prazas e un cine de 135 localidades
“Gañaremos un espazo cultural moi necesario no municipio e único na comarca”, valora o alcalde, Juan González, quen incide na “excelente oportunidade que supuxo a súa compra e a posterior concesión da subvención para as obras”
O Concello de Nigrán reformará os cines municipais do ‘Centro Comercial Siglo XXI’ da Ramallosa para gozar dun espazo cultural único na comarca. En concreto, o Concello transformará as dúas salas actuais nun auditorio polivalente con 106 prazas e un cine de 135 localidades. O proxecto, do arquitecto nigranés Severo Fernández Castro, sairá a licitación a vindeira semana cun orzamento base de 555.290 € e será financiado con fondos europeos procedentes do Plan de Actuación Integrada (PAI) de O Val Miñor, unha iniciativa conxunta dos tres concellos que logrou captar 4,4 millones de fondos europeos.
“Gañaremos un espazo cultural moi necesario no municipio e único na comarca”, valora o alcalde, Juan González, quen incide na “excelente oportunidade que supuxo a súa compra e a posterior concesión da subvención para as obras”, en referencia aos 74.415 € que o Concello investíu na adquisición deste cine pechado desde o ano 2014 e que consta de 420 m2 divididos en dúas salas de 160 butacas cada unha e que o Concello está a empregar con gran éxito de público (a programación comezou en outubro con ‘La isla mínima’, a mesma película coa que baixara o telón hai máis dunha década).
A rehabilitación integral permitirá habilitar un auditorio polivalente e unha sala municipal de proxeccións, sumando entre ambas un total de 241 localidades. Este novo auditorio contará con 106 prazas, tres delas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, e estará preparado para acoller conferencias, representacións, actos culturais e eventos municipais, dispondo de escenario, camerino, almacén e cabina de control de son. Pola súa banda, a sala de proxeccións terá 135 prazas, catro delas adaptadas, e contará co seu correspondente espazo de control audiovisual.
Dentro destas obras contémplase a renovación da climatización, a ventilación, a instalación eléctrica, a iluminación e os sistemas de protección contra incendios; a mellora do illamento e do acondicionamento acústico; a adaptación de accesos, percorridos e aseos; e a rehabilitación, retapizado e redistribución das butacas existentes. Ademais, deixaranse previstas as preinstalacións para iluminación e son escénicos e para un futuro sistema de proxección dixital.
Ademais, cara o interior do Centro Comercial, o espazo lucirá tamén unha nova imaxe ao revestirse toda a fachada de aluminio microperforado.
“Xa estábamos ofrecendo cine nunha das dúas salas e, desde o ano que ven, o faremos nunha sala moito máis confortable e, adicionalmente, poderemos empregar a outra para todo tipo de actividades culturais, como poden ser actuacións, charlas, conferencias…”, resume o rexedor, quen incide tamén no revulsivo que supón para o comercio local desta zona, onde o Concello dispón dun aparcadoiro municipal gratuíto. “A Ramallosa é realmente o gran núcleo urbano de Nigrán, polo que resultaba especialmente interesante poder achegar aquí tamén a actividade cultural do Concello”.

