O concello de Portas reafirma o seu compromiso social coa II Andaina Solidaria a prol da Loita contra o Cancro Infantil

Redacción
Lectura mínima de 3

Terá lugar o domingo 10 de maio e será unha xornada aberta á cidadanía para promover hábitos saudables e apoiar a ASANOG cun percorrido accesible e actividades para todas as idades.

O Concello de Portas impulsa a celebración da II Andaina Solidaria “Pasiño a pasiño”, unha iniciativa que combina deporte, participación cidadá e solidariedade co obxectivo de apoiar a Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia (ASANOG). A cita terá lugar o domingo 10 de maio, con saída ás 10:30 horas desde a Azucreira de Portas.

Esta proposta naceu coa vontade de consolidarse como un evento anual de referencia no municipio, reforzando o compromiso institucional coa saúde, o benestar e as causas sociais. A recadación íntegra destinarase a ASANOG, contribuíndo ao acompañamento e apoio ás familias afectadas polo cancro infantil.

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, destacou que “esta andaina representa o espírito solidario do noso concello, unha forma de sumar esforzos entre veciñanza, institucións e tecido asociativo por unha causa que nos interpela a todos”. Ademais, subliñou que “desde o Concello entendemos que é fundamental promover iniciativas que fomenten hábitos de vida saudables ao tempo que se reforza a cohesión social e o compromiso colectivo”.

A actividade contará cunha ruta principal de 5 quilómetros, pensada para todos os públicos, con opción de ampliación ata 7 quilómetros para aquelas persoas que desexen un maior desafío. O percorrido incluirá tamén un tramo adicional de dificultade media. Paralelamente, organizaranse actividades complementarias como xogos tradicionais, pintacaras e animación musical, co obxectivo de facer da xornada un espazo de convivencia interxeracional.

“Queremos que esta andaina sexa tamén unha festa da solidariedade, onde cada paso conte e cada participante sinta que está contribuíndo a mellorar a vida doutras persoas”, engadiu o rexedor.

As inscricións poden realizarse a través da web carreirasgalegas.com ata o 7 de maio, cun custo simbólico de 5 euros por participante.

O alcalde de Portas anima a toda a cidadanía da comarca a participar nesta iniciativa solidaria e a converter a II Andaina Solidaria nun novo éxito de implicación social.

Comparte este artigo