O concello de Redondela adxudica as obras para a reparación integral do Camiño da Milixosa, en Cabeiro

Redacción

• Os traballos, que comezarán proximamente, inclúen a construción de muros de contención en ambas as dúas marxes. Tamén se rebaixará o talude existente para ampliar o ancho da calzada ata os 7,50 metros de media.


• A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que o inicio das obras dará unha “solución definitiva e integral á veciñanza” tras mellorar o deseño inicial. O proxecto técnico modificouse “para ir máis aló dunha simple reparación e blindar a seguridade de toda a vía”.

O Concello de Redondela formalizou a contratación das obras de reparación e mellora estrutural do camiño da Milixosa, na parroquia de Cabeiro. Esta actuación, que conta cun orzamento superior aos 146.000 euros, entrará agora na súa fase de execución para restaurar un tramo de 80 metros gravemente danado polos temporais.
Coa adxudicación xa resolta, o Goberno local materializa un proxecto que foi mellorado antes da súa tramitación. O cambio realizouse para ir máis aló dunha simple reparación da zona afectada, e “blindar” a seguridade de toda a vía. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción por este avance que permite poñer en marcha os traballos: “Coa adxudicación destas obras damos o paso definitivo para cumprir coa veciñanza de Cabeiro. Non nos limitamos a poñer un parche onde caeu a terra; melloramos o plan inicial para ofrecer unha solución integral en ambas marxes que garantirá unha vía moito máis segura, robusta e adaptada ás necesidades da parroquia”, sinalou a rexedora.
Intervención estrutural en ambas as marxes
Os traballos adxudicados abranguen unha reforma completa ao longo de 80 metros de lonxitude co obxectivo de estabilizar o terreo e previr futuros desprendementos. Na marxe dereita (sentido ascendente), construirase un muro de contención na base do talude onde se produciu o colapso de terras, con alturas variables desde 1,50 ata 5 metros, cunha cimentación profunda de ata 4,50 metros. Na marxe esquerda procederase ao rebaixe do talude existente e executarase unha nova barreira mediante un petril de pedra de granito de 50 centímetros de alto.
O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, puxo en valor o alcance técnico da obra que se vai executar: “As intensas choivas amosaron a vulnerabilidade de toda a contorna. Grazas a esta intervención integral, non só estabilizamos as dúas marxes fronte a futuros temporais, senón que ampliamos a calzada ata un ancho de 7,50 metros de media, optimizando a drenaxe e mellorando notablemente a seguridade tanto para os vehículos como para os peóns”.
Os traballos están financiados polo programa Vía Depo da Deputación de Pontevedra.

Comparte este artigo