Os Composteiros Individuais e Centros de Compostaxe Comunitaria procesaron 673 toneladas de biorresiduos o ano pasado
A compostaxe é un dos motores do novo modelo de residuos de Tomiño. Estímase que no Concello se trataron entre os Composteiros Individuais (COIN) e os Centros de Compostaxe Comunitaria (CCC) un total de 673 toneladas de biorresiduos que, de terse depositado no contedor de resto indiferenciado, terían xerado un gasto de tratamento en SOGAMA de 72.680 euros. Cabe destacar que só nos CCC, dos núcleos do Seixo e Goián, se xestionaron 98,2 desas toneladas, co aforro correspondente. Un aforro real, medible e crecente que continúa dando pasos dentro da folla de ruta marcada polo Grilo Verde.
O sistema ten ademais un impacto ambiental directo: ao non requirir recollida en camión, reduce as emisións de efecto invernadoiro e diminúe o custo económico da recollida. Ao pechar o ciclo da materia orgánica no propio municipio, obtense un fertilizante de calidade e Tomiño avanza cara ao cumprimento dos obxectivos que esixe a normativa europea para unha economía circular, que obriga a reciclar o 60% dos residuos.
O contexto económico fai aínda máis urxente este cambio de hábitos: SOGAMA incrementou en tres anos o custo de tratamento do lixo convencional nun 64%, o que converte a compostaxe e a reciclaxe na mellor ferramenta de aforro tanto para o Concello como para a veciñanza. De feito, o municipio avanza cara a un sistema de taxa máis xusta no que quen recicle e composte pagará menos.
Como sinalou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, esta iniciativa enmárcase nun proxecto municipal máis amplo co que “queremos que Tomiño sexa un referente en sustentabilidade, e a compostaxe comunitaria é unha das ferramentas máis poderosas que temos para conseguilo. Non só polo impacto ambiental, senón porque é unha forma concreta e medible de aforrar recursos públicos que podemos destinar a outras necesidades do municipio”.
Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, subliñou o valor das boas cifras obtidas coa compostaxe comunitaria, “números que son o resultado do compromiso da veciñanza e que demostra que cando a xente se implica o modelo de residuos é un éxito. Agora o reto é que máis veciños e veciñas o convertan nun hábito máis e contribúan de forma activa a un municipio máis limpo”. Para conseguilo, estes días o Concello convidou á veciñanza a un evento no CCC da rúa República Arxentina para explicar o seu funcionamento e debullar como será o novo modelo de residuos de Tomiño. Isto pasará pola transformación do CCC cara un CRIC, Centro de Reciclaxe Integral Comunitaria e que “pouco a pouco iremos presentando á veciñanza”, anuncia a edil.
O funcionamento dos Centros de Compostaxe Comunitaria é sinxelo: as persoas que viven nos núcleos urbanos poden levar os seus biorresiduos (restos de comida, froita, café…) ao CCC asociado, tapándoos co estruturante de madeira triturada dispoñible no caixón anexo. O Concello facilita caldeiros gratuítos para os veciños e veciñas de edificios, mentres que quen reside en vivenda unifamiliar pode solicitar tamén un composteiro doméstico sen custo. Toda a información está dispoñible en www.revitaliza.tomino.gal e no Departamento de Medio Ambiente no teléfono 986 62 20 01 (extensión 2).

