- O animal, que fora localizado recentemente nunha colonia felina da zona, tivo que ser intervido de urxencia e sufriu a perda dun ollo.
- O alcalde lembra que o maltrato animal é un delito grave e fai un chamamento á colaboración cidadá para dar co autor ou autora dos disparos dos disparos.
O Concello do Porriño manifesta a súa máis enérxica condena ante o brutal acto de maltrato animal acontecido recentemente na parroquia de Torneiros, onde unha gata foi atacada con armas de aire comprimido, resultando gravemente ferida pola bala dun perdigón.
Os feitos foron detectados grazas ao aviso duns veciños que, mentres buscaban a un felino extraviado, se percataron da presenza desta gata, un exemplar novo que se incorporara recentemente a unha das colonias controladas do municipio. Ao notar que o animal presentaba unha grave lesión no ollo, puxéronse en contacto de inmediato coas colaboradoras locais e coa Policía Local do Porriño, activando o protocolo de Benestar Animal.
Aínda que nun primeiro momento os síntomas apuntaban a unha posible infección severa, a intervención veterinaria de urxencia revelou que a gata tiña un perdigón aloxado na cavidade ocular. Malia os esforzos dos profesionais, o impacto provocou danos irreversibles que obrigaron á baleirado do ollo afectado.
“Un acto inconcebible, imperdoable de maltrato animal”, apunta o alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo que avisa que se van a perseguir este tipo de delitos “ata o final”.
O Concello informa de que a Policía Local xa abriu as dilixencias oportunas para investigar o sucedido e tratar de identificar ao autor ou autores do disparo. Cómpre lembrar que, coa lexislación vixente, as accións que causan lesións graves ou a morte de animais están tipificadas como delitos no Código Penal e conlevan importantes penas de prisión e sancións económicas.
Chamamento á adopción e á colaboración veciñal
A gata atópase nestes momentos fóra de perigo, acollida temporalmente nunha casa particular onde recibe os coidados e o tratamento veterinario precisos para a súa total recuperación. Trátase da casa de Puri González, unha voluntaria a quen o concelleiro de Medio Ambiente, Carlos González, agradece a súa colaboración e pide que “se alguén viu algo, se poña en contacto co concello”..
Ao tratarse dun animal de carácter excepcionalmente manso e dócil, desde o Concello e a protectora Inma se traballa xa na súa futura adopción, priorizando que non teña que regresar á rúa e poida atopar un fogar definitivo. Antes de ser entregada a unha familia, a gata será debidamente identificada con microchip e castrada como están xa o 85 por cento dos gatos desta colonia.
Desta maneira, o Goberno local quere facer un chamamento urxente á colaboración veciñal. Calquera persoa que puidera presenciar algo ou que dispoña de información relevante sobre a identidade do responsable deste ataque en Torneiros pode comunicalo de forma totalmente confidencial á Policía Local ou ao propio Concello.
Do mesmo xeito, recórdase a importancia de respectar e protexer as colonias felinas do municipio, maioritariamente xestionadas a través do método CER (Captura, Esterilización e Retorno) para garantir o benestar dos animais e a convivencia veciñal.

