- As actuacións inclúen a reparación de tellados e canalóns, melloras na accesibilidade, renovación de pistas deportivas e parques infantís, e traballos de fontanaría e electricidade.
- Os traballos estanse a executar durante o descanso académico no Colexio Ribeira, CEIP Cruz-Budiño, CEIP Xosé Fernández López, CEIP Plurilingüe Antonio Palacios e CEIP Plurilingüe de Atios.
O Porriño está a executar un completo plan de obras de mellora e mantemento en todos os centros educativos públicos do municipio. Unha posta a punto coordinada para responder ás demandas prioritarias de cada colexio e garantir que o alumnado atope unhas instalacións seguras, renovadas e funcionais á volta das vacacións.
Así, no CEIP Ribeira, as intervencións inclúen a eliminación das filtracións detectadas no corredor do terceiro andar e o desatasco de canalóns. No exterior, construíuse unha nova rampa no patio traseiro para mellorar a accesibilidade e estase a proceder á limpeza do patio e da entrada principal, á retirada de malas herbas e á reparación dos elementos do parque infantil. Tamén se repararon as plaquetas danadas, así como os desagües.
No CEIP Cruz-Budiño destacan os traballos de fontanaría para aumentar a presión da auga nos baños do comedor e a instalación de novas luminarias, tanto nas aulas como no ximnasio. Ademais, as obras neste centro inclúen a rehabilitación de baños, e estase a acondicionar o patio infantil, a zona exterior da pista superior e a verxa entre patios, ademais de aplicar unha nova capa de pintura na verxa exterior.
No CEIP Xosé Fernández López instalaranse equipos de climatización para garantir o confort térmico. Estase a realizar tamén a limpeza e revisión de canalóns e tellado, substituíndose o valado do parque infantil na fachada principal por malla Hércules. Ademais, cambiouse a chave de auga xeral do colexio para unha localización máis accesible e vaise repoñer a grava no patio de infantil. Tamén se rehabilitaron baños e se puxo a punto o chan de madeira do ximnasio con un novo pulido cun barniz especial que fai que as instalacións gañen unha calidade similar á do pavillón municipal.
No CEIP Plurilingüe Antonio Palacios estanse reparando elementos deteriorados do parque infantil de primaria, os baños do ximnasio e se reparou o piso dunha das aulas de primaria.
No CEIP Plurilingüe de Atios as obras céntranse no illamento e confort térmico, coa reparación de goteiras e filtracións en diversas zonas, a limpeza integral do tellado e canaletas, e a reparación ou cambio das caixas de persianas para evitar perdas de calor.
“A nosa prioridade é ofrecer unha educación pública de calidade en espazos dignos e seguros”, explica o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, tras visitar as obras en diferentes centros educativos xunto coa concelleira de Educación, Carolina González, e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto. Todas as actuacións son froito, explicou, das peticións da propia comunidade educativa.
As obras que se están a acometer son as máis urxentes, aínda que non as únicas. O goberno municipal tramita xa un plan de melloras nos parques infantís dos colexios, con traballos de pintura e accesibilidade que conlevan tramitación administrativa para a súa licitación e que se desenvolverán ao longo do ano.
Todas as actuacións están programadas para rematar antes do inicio oficial do curso escolar 2026/2027, asegurando un regreso ás aulas nas mellores condicións para alumnado, profesorado e familias do Porriño.

