O Concello do Porriño licita as obras de mellora integral do entorno do local social do Casal en Budiño 

Redacción
  • A intervención transformará unha superficie de 3.460 metros cadrados para priorizar o uso peonil, crear un novo parque infantil, ordenar o tráfico e potenciar as zonas verdes.
  • O proxecto sae a licitación por 250.210,11 con IVE  e un prazo de execución de seis meses.

O Concello do Porriño vén de sacar a licitación as obras de “Mellora do contorno do Local Social do Casal, Budiño”. Esta ambiciosa actuación supón un investimento total de 250.210,11 con IVE (subvencionado Plan+Provincia 2026-2027 da Deputación de Pontevedra)e suporá un cambio radical na contorna deste centro social, que é lugar de encontro habitual da veciñanza. Un lugar e unha asociación que levan moito tempo traballando polas persoas e cuxa contorna pasará, explica o alcalde, “a ser tamén na súa ordenación e no seu deseño, un lugar pensado para as persoas”.

Por iso, unha das principais actuacións ten que ver coa mobilidade, mellorando a seguridade viaria e gañando espazo para os peóns. Así, co obxectivo de eliminar o paso de vehículos por diante do centro social e das zonas de xogos, o tráfico rodado concentrarase de forma ordenada exclusivamente a través do camiño de Chan do Casal, na zona norte da parcela.

“Esta medida non só protexe o espazo peonil, senón que mellora substancialmente o acceso rodado diario que os veciños e veciñas teñen ás súas vivendas e propiedades particulares”, aclara o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto. O vial pavimentarase con formigón coloreado e contará con medidas de calmado de tráfico  para garantir a seguridade. Así mesmo, mellorarase notablemente a seguridade viaria no entronque coa estrada provincial EP-2405 co uso de lastras de granito silvestre, que servirán de aviso visual e sonoro para que os condutores reduzan a velocidade ao entrar na zona residencial.

Parque infantil e zona deportiva

Así mesmo, nun municipio cunha importante natalidade, prevese a adecuación dunha área de xogos infantís que dea resposta ás necesidades da poboación máis nova. En continuidade co centro social, crearanse uns 150 m² de parque de xogos. O espazo peonil ampliarase en 281 m² integrando o arborado existente con alcorques e bancos de pedra para xerar zonas de sombra.  

Ademais, renovarase a área deportiva coa substitución do pavimento da pista de deportes para garantir a seguridade na súa práctica e dotarase dun perímetro axardinado con árbores dispostas en paralelo ás vías.

Substituiranse superficies duras sen uso por novas zonas axardinadas con especies autóctonas e frondosas  de baixo consumo hídrico, mellorando así a xestión das augas pluviais.
 

Posta en valor do patrimonio

Ademais da reordenación urbanística, o proxecto contempla a posta en valor dos elementos senlleiros do lugar. Así dignificarase todo o contorno da igrexa e os seus elementos senlleiros.  Crearase un perímetro axardinado específico arredor do cruceiro para resgardalo do tráfico rodado, potenciando a súa visibilidade e poñéndoo en valor. Actuarase no palco da música mellorando os seus acabados e pintura, integrando todo o conxunto relixioso e festivo cun deseño harmónico.

Tamén se executará o retranqueo do muro de peche existente para ampliar a beirarrúa en coordinación cos plans da Deputación.

 “Con esta licitación, o Goberno local do Porriño quere dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza do Casal, transformando un espazo desestruturado nun punto neurálxico de convivencia accesible, seguro, sustentable e integrador”, conclúe  o alcalde do Porriño.

Comparte este artigo