– A formación desenvolverase os fins de semana entre o 23 de outubro e o 12 de decembro en Cesantes, combinando clases presenciais e en liña. As prazas son limitadas e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 20 de outubro.
O Concello de Redondela, a través da Concellería de Xuventude, organiza por por primeira vez no municipio un curso oficial de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre. Esta actividade formativa conta cun prezo subvencionado polo propio Concello co obxectivo de facilitar o acceso de toda a veciñanza a unha titulación homologada e con alta inserción no mercado laboral.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientou a importancia desta iniciativa: “É a primeira vez que o Concello subvenciona unha formación destas características. Queremos que a situación económica non sexa un impedimento para que mozos e mozas obteñan unha titulación oficial para acceder ao mercado laboral”.
O curso, homologado pola Xunta de Galicia, impartirase en Cesantes, unha contorna privilexiada que permitirá vincular a aprendizaxe con contidos específicos de ocio inclusivo e deportes náuticos. O programa formativo estrutúrase nun total de 200 horas didácticas, divididas en 150 horas presenciais e 50 horas en liña, e impartirase en réxime de fins de semana dende o 23 de outubro ata o 12 de decembro.
A concelleira de Xuventude, Iria Vilaboa, explicou que incluír unha especialización en deportes náuticos e ocio inclusivo “engade máis valor a este título, convertendo aos nosos alumnos e alumnas en profesionais altamente cualificados para traballar en campamentos, empresas de turismo activo e animación deportiva”.
O prazo para presentar as solicitudes rematará o vindeiro 20 de outubro. As persoas interesadas poden tramitar a súa inscrición no Concello de Redondela, de xeito presencial ou na sede electrónica.

