O Goberno de Viéitez incumpre a ratio de educadoras na Escola Infantil Municipal de Meaño

Redacción

O BNG de Meaño denuncia a sobrecarga dos traballadores municipais

O BNG de Meaño denuncia o incumprimento da ratio de educadoras na Escola Infantil Municipal debido á non cobertura das baixas laborais. A escola posúe un total de 31 alumnos e alumnas distribuídos en catro aulas, polo que lle corresponden 5 educadoras, tal e como establece a lei autonómica no Decreto 329/2005.

Carlos Viéitez incumpre a normativa dende o mes de maio, momento no que ao non cubrirse unha segunda baixa laboral, a escola quedou con 4 educadoras. En consecuencia a escola vese saturada, o que afecta á seguridade do alumnado, á realización de actividades e -en definitiva- á calidade educativa da escola municipal.

O BNG de Meaño exixe, unha vez máis, que a Alcaldía cubra as baixas laborais e dote do profesorado que marca a lei á Escola Infantil Municipal. As familias merecen un servizo de calidade onde deixar seguras ás súas crianzas e o concello ten obriga de ofrecer este servizo esencial.

Debido a este incumprimento, o desgoberno de Viéitez provocou que o  concello de Meaño fose sancionado pola Xunta de Galiza. Dende o BNG de Meaño critican a falta de compromiso da Alcaldía coa Escola Infantil Municipal e lamentan que a mala xestión do rexedor recaía nunha multa pagada cos cartos dos meañeses e meañesas.

Chegados á recta final da segunda lexislatura do PP de Carlos Viéitez, o BNG de Meaño sinala a deriva á que o rexedor conduce aos servizos públicos, sendo unha constante a non cobertura das baixas laborais co conseguinte deterioro dos servizos e a sobrecarga dos traballadores municipais.

Comparte este artigo