O grupo popular na Deputación de Pontevedra presenta unha moción en defensa da soberanía de Ceuta e esixe ao Goberno medidas extraordinarias

Redacción
  • O grupo provincial reclama o retorno inmediato dos migrantes en situación irregular e un reforzo permanente na seguridade das fronteiras.
  • O PP provincial considera imprescindible reafirmar, con absoluta claridade e sen ningún xénero de ambigüidade, a indiscutible soberanía española sobre Ceuta. A integridade territorial de España non é cuestionable nin negociable.
  • A proposta reafirma a solidariedade cos cidadáns ceutís e o recoñecemento ao traballo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

O Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra presentará unha moción no pleno deste venres para expresar o seu firme apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta ante os gravísimos acontecementos vividos nos últimos días, marcados por unha entrada ilegal e masiva de persoas que desbordou as capacidades ordinarias do territorio.

A iniciativa presentada demanda unha resposta extraordinaria, coordinada e firme por parte do Goberno de España. Desde o PP provincial subliñan que o sucedido non pode reducirse a un problema local nin afrontarse exclusivamente cos recursos da cidade autónoma, xa que as competencias en fronteiras, inmigración e defensa corresponden en exclusiva ao Estado.

Soberanía non negociable e integridade territorial

A moción do Partido Popular ten como un dos seus eixes centrais a reafirmación, sen ambigüidades, da indiscutible soberanía española sobre Ceuta. O grupo provincial destaca que a cidade é “parte inseparable de España, da súa historia, do seu presente e do seu futuro”, polo que a súa integridade territorial non é cuestionable nin negociable baixo ningún concepto.

A proposta de acordos insta ao Executivo central a despregar de maneira inmediata todos os recursos e capacidades extraordinarias necesarias para garantir a orde pública, a seguridade e o exercicio dos dereitos fundamentais dos cidadáns ceutís.

Identificación e retorno inmediato a Marrocos

O texto rexistrado polos populares esixe ao Goberno de España que proceda á identificación de todas as persoas que accederon irregularmente a Ceuta e que promova de xeito inmediato o seu retorno a Marrocos.

A formación recorda que a entrada ilegal “non pode converterse nunha vía de permanencia automática” e insta a aplicar de xeito áxil a lexislación nacional e internacional a través dos mecanismos de cooperación bilateral co Reino de Marrocos, ao que tamén se lle exixe o cumprimento efectivo das súas obrigas fronteirizas.

Recoñecemento social e institucional

Doutra banda, a moción solicita que a Deputación de Pontevedra recoñeza formalmente a fortaleza demostrada pola sociedade ceutí e agradeza explicitamente o labor das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, as Forzas Armadas, a Policía Local e os servizos de emerxencia que traballan para preservar a convivencia.

Así mesmo, o PP provincial amosa o seu fondo pesar e consternación polo drama humano e a perda de vidas, especialmente no caso de menores e persoas vulnerables.

Comparte este artigo