O novo Obradoiro Dual de Emprego do Concello de Marín inicia a súa actividade con 20 alumnos traballadores nas especialidades de atención sociosanitaria e cociña

Redacción

A alcaldesa, María Ramallo, destacou durante a apertura a importancia dunha formación de calidade para facilitar a inserción laboral en dous sectores cunha elevada demanda de profesionais cualificados

O Concello de Marín deu esta mañá a benvida ao alumnado do novo Obradoiro Dual de Emprego, que inicia a súa actividade coa participación de vinte alumnos traballadores que durante os próximos 9 meses recibirán formación e realizarán prácticas nas especialidades de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais e Cociña.

O acto de inauguración celebrouse ás 9.30 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello e contou coa presenza a alcaldesa de Marín, María Ramallo; a concelleira de Promoción Económica, Beatriz Rodríguez; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández; o director do obradoiro, Óscar Rey e o equipo docente do programa, así como do axente de desenvolvemento local do Concello.

Durante o acto, as autoridades e o director do obradoiro deron a benvida ás vinte persoas participantes, das que dez se formarán na especialidade de atención sociosanitaria e outras dez na de cociña, nun programa que combina formación teórica e práctica co obxectivo de mellorar a súa cualificación profesional e favorecer a súa incorporación ao mercado laboral.

Dous sectores con alta demanda de persoal

Na súa intervención, a alcaldesa puxo en valor o esforzo que realizan as persoas que deciden iniciar unha nova etapa profesional a través deste tipo de iniciativas, destacando que “a formación é a mellor ferramenta para abrir novas oportunidades laborais e para responder ás necesidades reais do tecido económico e social”.

María Ramallo incidiu especialmente na elevada demanda de profesionais cualificados que existe no ámbito da atención sociosanitaria, un sector no que os coidados adquiren cada vez maior relevancia debido ao envellecemento da poboación.

Neste sentido, lembrou que o propio Servizo de Axuda no Fogar que presta o Concello require de maneira constante a incorporación de persoal formado para atender unha demanda crecente dun servizo esencial para a veciñanza.

A alcaldesa tamén fixo referencia ás oportunidades laborais que ofrece o sector da hostalaría e da gastronomía, onde a profesionalización e a excelencia son cada vez máis necesarias para responder ás esixencias dun mercado en continuo crecemento. “Son dous sectores estratéxicos para Galicia e para Marín, con amplas posibilidades de emprego para aquelas persoas que conten coa preparación axeitada”, sinalou.

Tres piares fundamentais para o éxito dun Obradoiro

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra trasladou os seus parabéns ás persoas participantes por iniciar esta nova etapa formativa e animounas a aproveitar ao máximo unha oportunidade que lles permitirá adquirir coñecementos e experiencia profesional.

Pablo Fernández destacou que o éxito deste tipo de programas descansa sobre tres piares fundamentais: o compromiso das administracións públicas por impulsar políticas activas de emprego, o labor dun equipo docente altamente cualificado, encargado de transmitir os coñecementos técnicos e profesionais, e a implicación e motivación do propio alumnado, elementos imprescindibles para acadar unha inserción laboral de éxito.

Este é o segundo Obradoiro Dual de Emprego que consegue poñer en marcha o Concello de Marín, froito do intenso traballo desenvolvido para acceder a esta convocatoria da Xunta de Galicia. O programa conta cun investimento de 454.552 euros financiados pola Xunta de Galicia.

Ao remate do acto institucional, as persoas participantes, o profesorado e as autoridades realizaron unha fotografía de familia na escalinata da Casa do Concello. Tras a festividade do Carme, o alumnado iniciará a súa actividade formativa nas distintas sedes habilitadas para o desenvolvemento do programa.

A especialidade de Atención Sociosanitaria impartirase nas instalacións do Colexio San Narciso, mentres que a formación de Cociña terá lugar nas cociñas do Espazo Emprendedor do Parque Azul.

Comparte este artigo