● A actuación conta cunha importante inxección de fondos europeos FEDER (60%) e o respaldo da Deputación de Pontevedra a través do Plan Provincia Extraordinaria.
● A empresa NAROM S.L. foi a adxudicataria dos traballos, comprometendo ademais preto de 275.000 euros en melloras para o núcleo urbano.
● O proxecto conta cun prazo máximo de execución de 14 meses e as obras comezarán tras a formalización do contrato.
O Concello do Porriño deu hoxe o paso definitivo para a transformación integral do núcleo de Torneiros coa aprobación en pleno da adxudicación das obras de rexeneración urbana desta contorna, un ambicioso proxecto estratéxico que suporá un investimento total de 2.628.796,95 euros IVE incluído.
A proposta saíu adiante referendando o acordo da mesa de contratación, que elixiu por unanimidade á entidade NAROM S.L. ao obter a maior puntuación no proceso de licitación, no que tamén competiron Construcciones Castro Figueiro S.L. e Proyecon Galicia S.A. Ademais do orzamento de adxudicación, a empresa comprométese a executar melloras adicionais na contorna urbana por un importe de 274.949,99 euros.
Esta gran intervención en Torneiros é posible grazas á xestión de fondos externos por parte do Concello, minimizando o impacto económico sobre as arcas municipais. De feito a obra enmárcase na estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible polo que conta cunha asignación de fondos FEDER de 1,5 millóns de euros. Asemade a actuación compleméntase cunha achega de 1.1 millóns de euros procedentes do Plan Provincia Extraordinaria (Plan Extra), concedida oficialmente o pasado mes de marzo.
O proxecto de rexeneración urbana, redactado pola enxeñeira de Camiños, Canais e Portos María Ferreiro Núñez (de Ingenia Proyectos Técnicos S.L.), optimiza o gasto público ao lograr unha rebaixa respecto ao orzamento base de licitación, que inicialmente se situaba nos 2,74 millóns de euros.
Próximos pasos
Tras esta aprobación definitiva por parte do Pleno como órgano de contratación, procederase á notificación dos licitadores e á publicación oficial do anuncio no Perfil do Contratante e no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE). Unha vez transcorrido o prazo legal de 15 días hábiles, formalizarase o contrato coa empresa adxudicataria para dar inicio inmediato aos traballos, que dispoñen dun prazo máximo de execución de 14 meses.
Con este acordo plenario, o Concello do Porriño arranca unha das obras máis agardadas do mandato, reafirmando o seu compromiso coa sostibilidade, a accesibilidade e a mellora directa da calidade de vida das veciñas e veciños de Torneiros.
“Non se trata só de cambiar o asfalto ou mellorar as tubaxes, que tamén, senón de devolverlle o espazo público ás persoas, de facer unha parroquia máis humana, accesible, segura para os nosos nenos e maiores, e cunhas zonas de lecer de primeiro nivel como o novo parque acuático. Torneiros merece esta gran inxección de futuro”, explicou o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.
O proxecto
O proxecto de rexeneración urbana do núcleo de Torneiros contempla unha actuación integral sobre o espazo público e as infraestruturas existentes, coa finalidade de mellorar de maneira sostida as condicións urbanas, sociais e ambientais da parroquia.
Entre as actuacións previstas inclúese a renovación das redes de abastecemento de auga potable, a modernización do saneamento e a mellora do sistema de drenaxe pluvial, co obxectivo de garantir un funcionamento máis eficiente dos servizos básicos e previr problemas derivados das choivas intensas.
No ámbito da mobilidade e da accesibilidade, o proxecto aposta pola redistribución do espazo viario, favorecendo a mobilidade peonil fronte ao tráfico rodado. Prevese a ampliación das zonas peonís, a mellora e ampliación das beirarrúas, a eliminación de barreiras arquitectónicas, a adaptación dos itinerarios a criterios de accesibilidade universal e a creación de percorridos máis seguros, especialmente nos contornos de equipamentos de alta afluencia como os centros educativos, o multiusos de Torneiros e o centro cultural Alba.
A intervención inclúe tamén a renovación integral do alumeado público, que será substituído por luminarias LED de alta eficiencia enerxética, permitindo reducir o consumo eléctrico, mellorar a iluminación dos espazos públicos e diminuír as emisións de CO₂.
Así mesmo, incorporarase novo mobiliario urbano, mellorarase a calidade paisaxística do espazo público mediante a introdución de vexetación e zonas verdes, e crearase un entorno máis amable, seguro e sostible, pensado para o uso e desfrute da veciñanza.
O proxecto complétase coa creación dun parque acuático no Parque Alba, concibido como un novo espazo de lecer familiar e deportivo que reforzará a oferta de equipamentos públicos, fomentará a convivencia interxeracional e contribuirá á integración social da parroquia.

