O Porriño acolle esta fin de semana o Campionato de España de Maquetas de Aeromodelismo

Redacción

●       O Club Furaventos reunirá en Pontellas pilotos procedentes de distintos puntos de España nunha competición que combina a fidelidade das maquetas coa precisión dos voos.

O Porriño será este fin de semana escenario do Campionato de España de Maquetas de Aeromodelismo, unha cita organizada polo Club Furaventos nas súas instalacións de Quintela, en Pontellas, e unha oportunidade para ver auténticas xoias da aviación en pequena escala.

A competición comezará este venres coa recepción dos pilotos e os voos de proba nos que porán as máquinas a punto para as probas dos vindeiros días.  O sábado 15 concentrará a maior parte da actividade competitiva: a partir das primeiras horas da mañá realizaranse as avaliacións de voo e a valoración estática das aeronaves por parte dos xuíces, sendo un dos principais criterios de cara a determinar a fidelidade da maqueta con respecto ao modelo orixinal. Outro criterio importante é a achega de documentos que verifiquen as similitudes entre a maqueta e o avión; todo o que evidencie a correcta adaptación do vehículo á escala escollida significará unha maior puntuación neste apartado.

Finalmente, o domingo 16 quedarán reservadas as probas que non puidesen completarse o día anterior, ademais de voos de exhibición e despedida, estando previsto que a actividade remate ao mediodía para permitir aos pilotos conciliar as obrigas da competición cos seus viaxes de retorno.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de que o municipio acolla unha competición destas características: “É unha satisfacción que o Club Furaventos poida organizar no Porriño un Campionato de España despois de tantos anos perseguindo a oportunidade. É unha mostra do nivel de compromiso e da capacidade de organización que temos no municipio, e unha oportunidade para que a veciñanza poida coñecer de preto unha disciplina tan espectacular e interesante como o aeromodelismo”.

Unha competición tamén para o público

O evento ofrece tamén a oportunidade de achegarse ao mundo do aeromodelismo, xa que durante os descansos o público poderá ver as aeronaves de preto, coñecer os pilotos e fotografarse cos aparellos.

As maquetas destacan pola súa fidelidade aos avións reais e polos seus voos lentos e precisos, acompañados polo son dos motores, deseñados para reproducir na medida do posible o comportamento dos orixinais.

Esta cita contará ademais coa participación dun representante do propio Club Furaventos, Manuel Rodríguez, natural do Porriño e máis coñecido como Ivo. O porriñés participou este pasado mes de xullo no Campionato Mundial de Maquetas celebrado en Inglaterra. No seu palmarés tamén podemos atopar un Subcampeonato a nivel nacional no ano 2025, e agora busca amplialo cunha victoria aproveitando que se está a celebrar o campionato na súa parroquia.

Desde o Concello do Porriño ponse en valor a capacidade do Club Furaventos para atraer ao municipio competicións de ámbito nacional e internacional e para seguir situando O Porriño como un referente dentro do aeromodelismo.

Comparte este artigo