O Porriño celebra a excelencia académica coa entrega das Bolsas Antonio Palacios aos mellores expedientes do concello

Redacción
  • Doce alumnos e alumnas do IES Pino Manso e do IES Ribeira do Louro foron galardoados nun acto que recoñece o esforzo e o brillante percorrido no bacharelato e nas probas de acceso á universidade (PAU).
  • O Concello destina un total de 4.500 euros a estes premios, que conceden 300 euros a cada estudante que cumpra o requisito de acadar un mínimo de 8,50 puntos na fase xeral das probas.
  • O alcalde, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Educación, Carolina González, e o director territorial de Educación, César Pérez Ares, presidiron o acto de homenaxe.

O Concello do Porriño vestiuse de gala para render homenaxe ao talento, ao esforzo e á dedicación dos seus mozos e mozas máis brillantes. Nunha cerimonia celebrada este venres na Praza Arquitecto Antonio Palacios, foron entregadas as Bolsas Antonio Palacios aos Mellores Expedientes Académicos, destinadas a premiar ao alumnado do concello que obtivo as cualificacións máis destacadas no Bacharelato e na Proba de Aceso á Universidade (PAU).

Doce estudantes do IES Pino Manso e do IES Ribeira do Louro recibiron estas axudas, consistentes en 300 euros, das mans do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, do director territorial de Educación, César Pérez Ares, e da concelleira de Educación, Carolina González.

Un recoñecemento, explicou o alcalde, “ao esforzo, á excelencia”, engadindo que “O Porriño necesita do talento en sectores tan diversos como as enxeñerías, a docencia, a saúde, a economía ou as letras para seguir impulsando o noso municipio cara ao futuro”, en referencia ás carreiras elixidas por estes mozos e mozas do Porriño, que en setembro dan o salto á universidade.

Así, a moza con maior nota este ano, Carmen Gallardo García (IES Pino Manso), ten un 13,464, logo de acadar na parte xeral da PAU un 9,450 e en Bacharelato un 9,89. Cursará o grao de Filoloxía Hispánica. Séguea moi de preto Nahir Afonso Novoa (IES Ribeira do Louro), que ten un 13,27 logo de acadar unha media de 10 no bacharelato e un 9,050 na parte xeral da PAU. Nahir decidiu estudar Dietética.

Nesta lista están tamén, con notas que rozan ou superan o nove tanto en bacharelato como na PAU: Sergio Lage Estévez (IES Ribeira do Louro), que estudará ADE + Márketing; Saúl Lorenzo Martínez (IES Pino Manso), que realizará un Máster de Enxeñería Aeronáutica, vía Grao en Enxeñería Aeroespacial; Sara González Fernández (IES Pino Manso), que vai realizar Relacións Internacionais; Noa Rodríguez Muñoz (IES Ribeira do Louro), que fará o Dobre Grao en Mestre de Educación Infantil e Mestre de Educación Primaria; Raúl Servide Sequeiros (IES Pino Manso), que optou polo grao en Enxeñería da Automoción; Lucía Iglesias Rodríguez (IES Ribeira do Louro), que fará Filoloxía Clásica na USC; Noa Teixeira Álvarez (IES Ribeira do Louro), que vai cursar Enxeñería Mecánica na Universidade de Vigo; Noa Salgueiriño Álvarez (IES Pino Manso), que comezará Psicoloxía na Universidade de Santiago de Compostela; Maximilian García Tosef (IES Pino Manso), que vai facer INEF, e Ariadna Campos Mouriño (IES Pino Manso), que fará o Dobre grao en Dereito e ADE na Universidade de Vigo.

Todos eles e elas foron felicitados xa ao comezo do acto pola concelleira de Educación, que destacou o gran labor que fan os centros educativos da vila, tanto en educación primaria como na ESO e no Bacharelato, para acadar os importantes resultados académicos que ten o municipio.

Esta convocatoria de becas conta cun orzamento total de 4.500 euros, outorgando premios de 300 euros a cada estudante que, estando empadroado no Porriño, acade unha nota mínima de 8,50 puntos na fase xeral (obrigatoria) do exame da PAU.

Comparte este artigo