O Porriño prepárase para revivir a Gran Batalla das Civilizacións na décima edición de Porrigalia

Redacción

●      Galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos volven tomar as rúas esta fin de semana

  • A programación inclúe, ademais dos Xogos Olímpicos entre civilizacións, actividades infantís e moita música con Grande Amore, Traffic Hause ou Toni Lomba

Esta mañá tivo lugar a presentación oficial da nova edición de Porrigalia, a festa que transforma por completo o espírito do Porriño para convertelo no epicentro duns peculiares Xogos Olímpicos da antigüidade. Os vindeiros días 25 e 26 de xullo, as rúas da vila mudarán o seu aspecto habitual para transformarse nun escenario histórico e atemporal onde convivirán e rivalizarán galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos.

Esta cita combina o rigor do deporte popular coa comedia e a recreación, animando a toda a veciñanza e visitantes a desfrutar dunha fin de semana chea de música, gastronomía e grandes espectáculos gratuítos. O alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto  co Concelleiro de Festas, Bienvenido Estévez, destacou durante o acto o carácter participativo e colectivo da celebración, aproveitando para agradecer a implicación de asociacións, ANPAS, comerciantes e hostaleiros que fan posible que este evento siga medrando ano tras ano. Un evento que trae cultura, explicou, e tamén deporte, dous alicerces fundamentais no Porriño.

A esencia de Porrigalia reside na recreación dunha gran comedia histórica que envolve toda a programación, por iso pediron tamén a cidadanía que se caracterice para a festa. O gran fito inicial terá lugar o sábado 25 ás 11:00 horas co Gran Desfile desde San Sebastián ata a praza do Concello. Será alí onde se produza un dos momentos máis agardados e tradicionais da festa: o Destrone do Alcalde por parte do Rei Castrexo. Nun asalto cargado de humor, o Rei e o seu exército toman a vila, secuestran ao rexedor local para impoñer as súas propias normas baseadas nos cantos, os bailes, a comida e a diversión sen límites para todas as civilizacións e visitantes.

Tras este golpe de estado festivo, a orde olímpica restablécese co acendido da chama olímpica e a lectura do pregón oficial, que estará a cargo de Galidrone, é dicir, Sergio e Daya, dous porriñeses que, a través das súas redes sociais, promoven Galicia e descobren o mundo, achegando a cultura, a historia e o patrimonio de cada destino a unha comunidade de máis de 200.000 persoas.

O broche de ouro desta liña máis tradicional ou histórica poñerase coa mítica Gran Queimada a cargo do Rei Panoramix o sábado ás 22:00 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios, e concluirá o domingo á noite coa devolución simbólica do poder na Entrega do bastón de mando e o desfile SubUmbra. Pero mentres tanto, pasarán moitas cousas no Porriño:

Probas olímpicas

O gran motor da festa son, sen dúbida, as súas famosas Probas Olímpicas, unha competición onde as diferentes civilizacións —ataviadas coas súas túnicas, cascos e coroas de loureiro— miden as súas forzas en probas de habelencia e resistencia físicas que desatan as risas do público.

O sábado ás 19:00 horas disputaranse   na Praza do Cristo, mentres que o domingo, a partir das 11:30 horas será no mesmo emprazamento e tamén na rúa Ramón Gonzalez. As delegacións competirán nas Probas Olímpicas   tras un segundo Gran Desfile polas rúas peonís.

De 20 a 20:30 celebrarase Crossgalia na Praza do Cristo. Unha exhibición para non perderse, propia de Asterix e Obelix.

Repartirase como cada ano 500 cartóns olimpicos para que os participantes selen as probas polas que pasaron. Se completan sete probas poderán acceder a unha consumición   nalgún dos localis colaboradores (Casa di Mili, La bombonera, Paso a nivel, Safari, Secretos, Treinta y tau, Tubulart e Zentral)

Actividades infantís

Para que as e os máis pequenos poidan vivir a súa propia competición histórica, o domingo ás 18:00 horas a Praza 8 de Marzo acollerá o Gladiator Kids, unha divertida proba de obstáculos e superación para os novos atletas. Neste caso hai que apuntarse de xeito gratuíto a traves de Internet.

A oferta infantil inclúe obradoiros na Praza Antonio Palacios, pases de cetrería no Parque Templete, o show dos Bolechas o sábado e animación con pintacaras o domingo.

Moita música

A música e o ritmo serán o fío condutor que unirá todas estas actividades de mañá e de tarde. Ao longo de toda a fin de semana, formacións como a Charanga Fanfarria Furruxa, a Batucada Os Miudos, Os Caliqueños, o grupo Cantos Somos, Os Vikingos e a Charanga Vai de Baile encherán de son as rúas en pases matinais e vespertinos.

No que respecta aos escenarios principais, as actuacións divídense entre o novo espazo do Parque Pio XII e a Praza Arquitecto Antonio Palacios . Así, o sábado, teremos a partir das 19:30 a Kike Varela, Demasiadas Sombras y Pocas Luces e Toni Lomba en Pio XII. E a partir das 22:30 en Arquitecto Antonio Palacios o público poderá ver e escoitar a Grande Amore e Traffic Hause.

O domingo o relevo musical tomarao Gin Tonic’s ao mediodía, na Praza Arquitecto Antonio Palacios. Ademais teremos a proposta familiar de Pulpiño Trikisico ás 19:00 na Rúa San Benito, e o concerto de La Patrulla en Arquitecto Antonio Palacios ás 21:30h.

O fin de festa terá lugar o domingo ás 22:30h coa entrega do bastón de mando e o desfile SubUmbra de Porrigalia

Comparte este artigo