O Porriño vive un sábado multitudinario coa Gran Batalla das Civilizacións e a inauguración dos X Xogos Olímpicos de Porrigalia

Redacción
  • Os creadores de contido Sergio e Daya (Galidrone) foron os encargados de ler o pregón que deu comezo oficial á décima edición da festa.
  • O actor Pepo Suevos, no papel de Rei Castrexo, protagonizou o tradicional destrone do alcalde, Alejandro Lorenzo, quen despois participou nas probas olímpicas.
  • Milleiros de persoas ataviadas de romanos, exipcios, galos, gregos e castrexos encheron a vila nunha xornada marcada pola música, a comedia e o gran ambiente festivo.

A vila do Porriño está a vivir este sábado unha das súas festas máis multitudinarias e especiais coa celebración da primeira xornada da décima edición de Porrigalia. Milleiros de veciños e visitantes sumáronse a esta xa tradicional viaxe no tempo, ateigando as rúas e prazas caracterizados como romanos, gregos, castrexos, exipcios e galos para revivir a Gran Batalla das Civilizacións.

A xornada arrancou co Gran Desfile e un dos momentos máis agardados e divertidos do programa: o Destrone do Alcalde. O actor Pepo Suevos, encarnando ao Rei Castrexo, tomou o control da vila e “depuxo” ao rexedor local, Alejandro Lorenzo. Nun ambiente de pura comedia e bo humor, o propio alcalde aceptou o seu papel de destronado para sumarse despois de cheo á competición participando directamente nas probas olímpicas.

Pregón con acento porriñés e acendido olímpico

O acto central da mañá continuou co acendido da chama e a lectura do pregón oficial , que este ano correu a cargo de Sergio e Daya, máis coñecidos nas redes sociais como Galidrone. Os creadores de contido porriñeses expresaron o orgullo de levar o nome do Porriño por todo o mundo e destacaron a calidez da súa xente. “Para nós é un orgullo enorme estar hoxe aquí. Porque vemos a sorte de percorrer medio mundo contando historias. Coñecemos lugares impresionantes. Paisaxes únicas. Cidades cheas de historia. Pero hai unha historia que sempre contamos con máis orgullo ca ningunha outra. A do Porriño”, dixeron

Trala lectura do pregón, e antes de decretar o inicio oficial dos X Xogos Olímpicos de Porrigalia, gravaron o primeiro plano dun reel que de seguro xa suma milleiros de reproduccións. Foi no momento en que o alcalde, Alejandro Lorenzo, como última vontade concedida polo Rei Casrtexo, deu paso a Charanga Caliqueños que interpretaron o Himno de Galicia para celebrar o Día de Galicia tamén na localidade. Foi

Foi o pistoletazo de saída para unha intensa tarde de probas de habelencia e resistencia na Praza do Cristo e na rúa peonil onde as distintas delegacións mediron as súas forzas entre risas e aplausos do público. Unhas probas que continúan na xornada deste domingo e para as que non fan falla inscrición, soamente gañas de pasalo ben. 

A xornada do sábado comprétase coa exhibición de Crossgalia , a mítica Gran Queimada a cargo do Rei Panoramix e un cheo absoluto nas propostas musicais. Espazos como o Parque Pío XII e a Praza Arquitecto Antonio Palacios vibraron coas actuacións de Kike Varela, Demasiadas Sombras y Pocas Luces, Toni Lomba e os pratos fortes da noite, Grande Amore e Traffic Hause, acompañados polas charangas e batucadas que mantiveron o ritmo nas rúas ata altas horas.

A festa continúa este domingo

Tralo éxito da noite do sábado, Porrigalia afronta hoxe, domingo,  o seu segundo día de celebracións. A programación de domingo inclúe o segundo Gran Desfile , novas probas olímpicas , a competición infantil Gladiator Kids na Praza 8 de Marzo e música en directo con Gin Tonic’s , Pulpiño Trikisico, Festicultores e La Patrulla. Unha festa na que ademais se suman os postos de rúa e a hostealaría local ou as exhibicións de cetrería.  Sen dúbida, un lugar único para pasar o domingo e vivir entre culturas. 

Ás 22:30h co desfile de SubUmbra porase fin a festa entre lume e a devolución do bastón de mando ao alcalde do Porriño.

11:00 horas – Rúas do Porriño – Animación de Rúa con Batucada Os Miúdos, Charanga Fanfarria Furruxa e Charanga Os Caliqueños

11:00 horas – Dende San Sebastián ata a praza Arquitecto Antonio Palacios – Gran desfile Olímpico

12:00 horas – Praza Arquitecto Antonio Palacios – Destrono do Sr. Alcalde polo “Rei Castrexo”, acendido da chama olímpica e pregón

14:00 horas – Tabernas da vila – Xantar nas tabernas

17:00 horas – Praza Arquitecto Antonio Palacios – Obradoiros infantís

18:00 horas – Parque infantil – Exhibición de cetrería

18:00 horas – Praza do Cristo – Espectáculo infantil de Os Bolechas e karaoke deportivo

19:00 horas – Rúas do Porriño – Animación de Rúa con Batucada Os Miúdos, Charanga Fanfarria Furruxa e Charanga Os Caliqueños

19:00 horas – Parque infantil – Exhibición de cetrería

De 19:00 a 22:00 horas – Praza do Cristo e rúa Ramón González – Olimpíadas técnicas

19:30 horas – Rúa Pío XII – Concerto de Tony Lomba, Kike Varela e Demasiadas Sombras y pocas luces

20:00 a 20:30 horas – Praza do Cristo – CrossGalia

22:00 horas – Praza Arquitecto Antonio Palacios – Gran Queimada a cargo do rei Panoramix

22:00 horas – Praza Arquitecto Antonio Palacios – Concerto de Grande Amore e Traffic House

Domingo 26 de xullo

11:00 horas – Rúas do Porriño – Animación de Rúa con Batucada Os Miúdos, Batucada Os Vikingos e Charanga Vai de Baile

11:00 horas – Dende San Sebastián ata a praza Arquitecto Antonio Palacios – Gran desfile Olímpico

11:30 a 14:00 horas – Praza do Cristo e rúa Ramón González – Probas olímpicas

12:00 horas – Praza Arquitecto Antonio Palacios – Concerto de Gin Toni’s

13:00 horas – Parque infantil – Exhibición de cetrería

17:00 horas – Praza Arquitecto Antonio Palacios – Obradoiros infantís

17:00 a 20:00 horas – Praza Arquitecto Antonio Palacios – Pintacaras e animación

18:00 horas – Praza 8 de Marzo – Gladiator Kids

19:00 horas – Rúas do Porriño – Animación de Rúa con Batucada Os Miúdos, Batucada Os Vikingos e Charanga Vai de Baile

19:00 horas – Bairro de San Bieito – Espectáculo musical de Festicultores Troupe: A Gran Sementeira

21:30 horas – Praza Arquitecto Antonio Palacios – Concerto de La Patrulla

22:30 horas – Praza Arquitecto Antonio Palacios – Entrega do Bastón de Mando e desfile Subumbra de Troula Animación

Comparte este artigo