• Silvia Junco e Bea Rey comproban o mal estado da pasarela de madeira, con táboas podridas, rotas e soltas, zonas sen protección e unicamente dúas papeleiras en todo o percorrido da senda
• Junco sinala o muíño situado entre a avenida de Vigo e Ponte Boleira como “outro exemplo da propaganda baleira do BNG”: “En 2023 prometían convertelo nun centro de interpretación tecnolóxica da auga e agora tiveron que actuar de emerxencia ante o risco de derrube”
As As concelleiras do Partido Popular de Pontevedra Silvia Junco e Bea Rey denunciaron o “abandono xeneralizado” que presenta o tramo urbano da senda do río Gafeños comprendido entre a rúa Alcalde Hevia e a estación de tren, tras comprobar numerosas deficiencias de limpeza, conservación e seguridade.
A visita responde as demandas que os propios veciños de Campolongo trasladaron aos populares a principios de xullo, durante un dos encontros que o PP está a realizar con veciños e afiliados dos distintos barrios de Pontevedra.
“Os veciños de Campolongo xa nos advertiron da falta de limpeza e mantemento desta contorna e hoxe viñemos a comprobalo sobre o terreo. A realidade é que as súas queixas están máis que xustificadas”, sinalou Junco.
Ao longo da senda, as concelleiras atoparon botellas, cristais e diferentes residuos, alén dunha evidente falta de papeleiras: unicamente contabilizaron dous en todo o percorrido.
Especialmente preocupante, segundo as populares, é o estado da pasarela de madeira, con táboas podridas, rotas e pezas que se moven ao pisalas, alén de zonas nas que faltan elementos de protección e valado.
“O Gafeños é un dos nosos principais espazos naturais e unha zona utilizada diariamente por moitos pontevedreses. Xa non estamos a falar unicamente dunha cuestión de imaxe ou limpeza: cando hai madeiras deterioradas e zonas sen a protección adecuada, estamos a falar tamén de seguridade”, advertiu Junco.
Para a concelleira popular, esta situación reflicte un problema que se repite noutros espazos de Pontevedra: “O Goberno municipal anuncia constantemente novas actuacións mentres descoida o mantemento ordinario. Antes de crear novos espazos, o mínimo é conservar en condicións os que xa temos”.
O Muíño do Coto, outro exemplo de falta de mantemento
Junco e Rey sinalaron tamén a situación do Muíño do Coto como outro exemplo das consecuencias da falta de conservación. O Goberno do BNG chegou a presentar antes das eleccións municipais de 2023 un proxecto vinculado á auga para recuperar e dar un novo uso ao antigo muíño, que nunca chegou a materializarse. Agora, a súa deterioración obrigou ao Concello para acometer unha actuación de emerxencia de máis de 50.000 euros por motivos de seguridade.
Junco lembrou que o PP xa denunciou hai un ano o abandono deste espazo e que, en xullo de 2025, levouse ao Pleno unha moción para a mellora e mantemento da senda, que foi aprobada por unanimidade.
“Hai un ano estivemos aquí advertindo da súa deterioración e pedindo que se actuase. Un ano despois, o Concello ten que destinar máis de 50.000 euros a unha obra de emerxencia porque o seu estado chegara a supoñer un perigo. Se realmente se estaba realizando o mantemento que entón defendía o Goberno municipal, resulta difícil explicar como chegamos a esta situación”, sinalou Junco.
Para a concelleira, o caso do muíño evidencia “unha forma de gobernar baseada demasiado os anuncios e demasiado pouco no mantemento”: “Preséntanse proxectos, pero despois déixanse deteriorar os espazos ata que é necesario intervir de urxencia”.
Por todo iso, o PP reclamou ao Gobierno de Lores unha actuación integral de limpeza e mantemento do tramo urbano do Gafeños, que inclúa a reparación da pasarela de madeira, a reposición dos elementos de protección, máis papeleiras e a retirada de residuos.
“Non queremos outro anuncio nin outra promesa. Queremos que se coide o Gafeños e que os pontevedreses poidan desfrutar deste espazo con limpeza e seguridade. Manter o que xa temos tamén é gobernar”, concluíu Junco.

