• Silvia Junco solicita ampliar a oferta estival con horarios máis amplos, actividades inclusivas e unha programación cultural e xuvenil máis ambiciosa
• A popular lamenta que o concelleiro de Educación saque peito dun incremento mínimo do orzamento: “A realidade é que a dotación anual para este verán e Nadal será de 110.000€, exactamente a mesma cantidade que en 2024 e 2025”
A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Silvia Junco reclamou ao Gobierno municipal do BNG “menos autobombo” e “máis amplitude de miras” á hora de deseñar as políticas de conciliación incluídas no convenio das ludotecas municipais.
Junco valorou así o anuncio realizado este martes polo concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, sobre o novo convenio para o período 2026-2030. A pesar de que contempla un incremento do 2,5% no orzamento total, Junco explicou que “a realidade é que a dotación anual para este verán e o próximo Nadal seguirá sendo de 110.000 euros, exactamente a mesma cantidade que xa se destinou no convenio de 2024 e 2025”.
A edil do PP de Pontevedra considera positivo que o orzamento aumente de forma progresiva nos próximos exercicios, pero tamén detallou que o incremento previsto para 2027 será de apenas 2.750 euros. Desde o partido maioritario da oposición aseguran que con esa contía non se poderán cubrir as necesidades reais das familias pontevedresas.
“É evidente que calquera investimento destinado a favorecer a conciliación é positiva, por pequena que sexa, pero non basta con ampliar minimamente un convenio se a oferta municipal continúa sendo limitada e deixa sen resposta moitas das necesidades das familias”, xustificou Junco tras a abstención do seu grupo na comisión informativa celebrada este martes.
Entre as propostas para mellorar o convenio que propón o PP de Pontevedra figura a ampliación do horario do programa Concilia Verán, incorporando servizos como o almorzo e actividades durante a tarde para facilitar a conciliación laboral durante as vacacións escolares.
Junco tamén reclamou que se garanta especificamente que todas as actividades sexan accesibles e inclusivas, garantindo a participación e supervisión de nenos e nenas con necesidades educativas especiais.
Doutra banda, cuestionou a proposta do Ponte Verán por considerar que a oferta para o público xuvenil é insuficiente: “Botamos en falta unha oferta cultural máis potente e que tampouco existan iniciativas para fomentar o voluntariado xuvenil. Pontevedra ten capacidade para ofrecer moito máis ante o conformismo do BNG”.
A concelleira manifestou que unha gran parte das súas demandas xa foron expostas polo PP de Pontevedra no pleno ordinario de abril de 2025, mediante unha moción que foi aprobada por unanimidade e na que se instaba ao Gobierno local a crear un servizo municipal de conciliación que respondese as necesidades das familias con fillos menores.
“Transcorreu máis dun ano e a pregunta é inevitable: que fixo o BNG de Lores desde entón? A resposta é habitual: absolutamente nada. Unha vez máis, o BNG deixa pasar o tempo sen cumprir as mocións aprobadas, mentres as familias seguen atopándose con enormes trabas para conciliar”, concluíu Junco.

