O PP de Salceda denuncia o incremento constante da inseguridade cidadá e responsabiliza ao goberno local polo abandono da Policía Local

Redacción
  • Os populares revelan que a Festa dos Callos, malia acoller a milleiros de persoas, só dispuxo dun axente durante unha quenda e careceuse de despregue as 24 horas no resto da fin de semana e alerta do aumento das entradas en domicilios ou a falta de control sobre algúns patinetes e vehículos
  • O voceiro municipal, Santi Davila, advirte de que está a medrar o temor entre os veciños e esixe ao executivo de Dolores Castiñeira que abandone a súa actitude de deixadez coa Policía Local, xa que lembra que só incorporou a un efectivo en 19 anos de gobernos de esquerda e escasos medio.

O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas vén de denunciar de novo o incremento constante da inseguridade cidadá no concello -tras a anterior queixa sobre esta situación realizada o pasado mes de xuño- e responsabiliza desta situación ao goberno local de Dolores Castiñeira polo abandono absoluto do corpo da Policía Local.

“A alcaldesa presume constantemente de que Salceda é unha vila moi segura, pero a realidade é ben diferente porque xa se sabe que ‘dime de que presumes e direiche de que careces’. Non hai axentes suficientes, os medios cos que contan son pésimos e faltan moitos, estanse a reproducir roubos e entradas e domicilios pola falta de disuasión con efectivos policiais, os grandes actos non contan coa seguridade suficiente e hai unha evidente falta de control con algúns patinetes e vehículos que non respectan as normas, polo que a situación é mala e os veciños síntense inseguros, como un pobo sen lei”, enumerou o voceiro municipal, Santi Davila.

Así, os populares revelaron que a pasada edición da Festa dos Callos, malia acoller a milleiros de persoas pola súa gran sona, só dispuxo dun axente de Policía Local durante unha quenda, mentres que o resto da fin de semana non estiveron operativos as 24 horas pese a que a magnitude do evento requería da súa presenza continua.

Paralelamente, están a aumentar as entradas e roubos en domicilios, coa enorme intranquilidade que xera iso na xente, e a ordenanza de patinetes, non se supervisa e se fai cumprir, provocando situacións de risco de accidentes a atropellos. “A maior parte da xente, principalmente mozos, empregan o patinete de xeito axeitado e ademais está moi ben porque é un modelo sostible de mobilidade moi acaído, pero uns poucos tristemente campan ás súas anchas polas beirarrrúas e rúas a gran velocidade sen que desde o Concello se faga nada por poñerlle couto”, manifestou o concelleiro. O igual cos conductores que usan as rúas como circuito de competición, provocando gran ruido e maior inseguridade.

Santi Davila indicou que esta grave situación de inseguridade, xa se podía prever desde hai anos pola actitude e inacción do goberno de Dolores Castiñeira e os seus predecesores con partidos de esquerda, “xa que só incorporaron un só efectivo en 19 anos e están a desmantelar o corpo coas consecuencias que están sufrindo os salcedenses”. Nesta liña, engadiu que o executivo municipal incurre en continuos incumprimentos que motivaron a marcha este verán dun auxiliar de policía e non se toma en serio a reposición e aumeno de prazas, “polo que estamos abocados a un deterioro da convivencia se non se actúa de inmediato como estamos a esixir de manera constante desde o PP. O noso compromiso dende fai moitos anos, é incorporar como mínimo a dous membros da policía por mandato”. Dende o goberno fanse moitas fotos da xunta local de seguridade, que está moi ben facer esas xuntanzas, pero a realidade da seguridade dependente do concello, é moi moi mellorable en todos os eidos.

Comparte este artigo