O Rosal fai das súas Festas do Verán do Pilar un símbolo de identidade compartida

Redacción

O Concello impulsa do 24 ao 26 de xullo unha programación construída da man do tecido asociativo con tres días de música, tradición, cultura e actividades para todas as idades

As mellores festas nacen da ilusión compartida, do compromiso colectivo e do traballo de toda unha veciñanza. Así volverán ser un ano máis as Festas do Verán do Pilar, unha cita que encherá O Rosal de música, tradición, lecer e convivencia do 24 ao 26 de xullo grazas ao esforzo conxunto do Concello e do tecido asociativo do municipio. Deste xeito, o Goberno municipal impulsa e financia unha programación que medra edición tras edición e que converte a estas festas nun dos grandes puntos de encontro do verán rosaleiro.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salienta que “estas festas representan á perfección o que somos como pobo: unha comunidade que sabe traballar unida para crear espazos de encontro, de convivencia e de orgullo compartido”. A rexedora destaca que “detrás de cada actividade hai meses de dedicación das asociacións e de moitas persoas voluntarias. Desde o Concello queremos agradecer ese compromiso e seguir apoiando un modelo de festas construído desde a participación e pensado para toda a veciñanza”.

A programación abrirase o venres 24 de xullo co Festival Xente Xida, que celebra a súa oitava edición consolidado xa como un dos referentes da música tradicional na comarca. A xornada comezará ás 20.30 horas co espectáculo infantil ‘A procura das palabras perdidas’, de Inventi Teatro, e continuará a partir das 21.30 horas coas actuacións de Trebón dos Xidos, Deixandar e Os Carunchos, nunha noite que contará ademais con cantina e porco ao espeto.

O sábado 25 será unha das xornadas máis completas das festas. Desde as 16.00 horas, os xardíns do Concello acollerán o Torneo de Xadrez, da man do Club Albatros. Xa pola tarde, ás 20.00 horas, chegará unha nova edición do Encontro dos Pobos co Lusco ó Fusco, que reunirá sobre o escenario o folclore galego coas formacións CDP Calendário, de Vila Nova de Famalicão, e Doina Ilfovului e Vatra Buftei, procedentes de Romanía. A música continuará pola noite, a partir das 22.30 horas, co esperado concerto de The Ninghures dentro da programación do AMDOR Fest.

As festas despediranse o domingo 26 cunha tarde pensada para toda a familia. Ás 19.00 horas, a compañía Barafunda presentará o espectáculo infantil Globotolo, antes dun dos momentos máis emotivos da fin de semana: o concerto precertame da Agrupación Musical do Rosal, unha actuación moi especial antes da súa participación no Mundial de Bandas de Kerkrade, nos Países Baixos, o día 1 de agosto.

Para Ánxela Fernández Callís, “estas festas son tamén unha oportunidade para poñer en valor o inmenso talento cultural que temos no Rosal e para seguir fortalecendo os lazos entre xeracións a través da música, da tradición e da participación”. “Cada edición demostra que cando institucións, asociacións e veciñanza remamos na mesma dirección conseguimos unhas festas vivas, abertas e con personalidade propia”, conclúe.

Comparte este artigo