O Rosal reivindica unha vida sen medo e libre de violencia machista

Redacción

O Concello conmemora o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha concentración, a proxección dunha curta, un coloquio e unha nova cita cos Cafés en Igualdade

O alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier súmase á programación con cuñas radiofónicas para sensibilizar á veciñanza

O Rosal dá unha resposta colectiva e firme contra a violencia machista. O Concello conmemora o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha ampla programación os días 25 e 26 de novembro na Sala de Exposicións que pon o foco na denuncia das violencias de xénero, na defensa do dereito das mulleres a ocupar os espazos públicos con liberdade e na importancia das redes de apoio e dos coidados.

Para a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, é fundamental manter o compromiso institucional e social contra todas as formas de violencia machista. “O 25N é unha data para lembrar que a violencia contra as mulleres continúa sendo unha realidade que nos interpela como sociedade. Non podemos normalizar o medo, o acoso nin ningunha forma de violencia que limite a liberdade das mulleres. Desde o Concello queremos contribuír a visibilizar estas situacións, promover a reflexión colectiva e seguir construíndo un Rosal no que todas poidamos vivir libres e seguras”, sinala.

Foco no espazo público, na liberdade e nas violencias machistas

A programación arrancará o mércores 25 de novembro, ás 20.00 horas, cunha concentración de repulsa da violencia de xénero, un encontro para expresar o rexeitamento colectivo a todas as formas de violencia contra as mulleres e reafirmar o compromiso da veciñanza coa igualdade. A continuación, proxectarase a curta ‘Soa e borracha’, de Jorge Yebra, que dará paso a un coloquio con Sabela Salgueiro sobre ‘A rúa tamén é nosa. Violencias machistas, medo e liberdade no espazo público’. A curta será cedida pola Asociación Ghorghalado, que un ano máis colaborará de forma altruísta e desinteresada no acto.

A concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, pon en valor a importancia de abrir espazos para falar de situacións que, en moitas ocasións, continúan asumíndose como parte da vida diaria. “Queremos que esta programación nos axude a identificar e cuestionar comportamentos e violencias que non podemos seguir normalizando. As mulleres temos dereito a ocupar as rúas, a movernos con liberdade e a vivir sen medo. Falar destas realidades, compartilas e escoitarnos é fundamental para avanzar cara a unha igualdade efectiva”, explica.

A programación continuará o xoves 26 de novembro, ás 17.30 horas, cunha nova edición dos Cafés en Igualdade, que nesta ocasión levará por título ‘As que nos sosteñen. A amizade como apoio e coidado entre mulleres’. O encontro estará conducido por Angelina Gándara Alonso, experta en Igualdade e axente de igualdade de AG Socioeducación, e ofrecerá un espazo para reflexionar sobre a importancia dos vínculos, a amizade e as redes de apoio entre mulleres como elementos de acompañamento, benestar e coidado mutuo.

A infancia tamén pon voz á loita contra a violencia de xénero

A conmemoración do 25N conta tamén coa participación do alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria do CPI Manuel Suárez Marquier, que elaborou unha serie de cuñas radiofónicas contra a violencia de xénero no marco do proxecto ‘Elixe as Green Flags’, financiado pola Deputación de Pontevedra. As gravacións poderán escoitarse na páxina web e nas redes sociais do Concello do Rosal, levando as mensaxes de sensibilización creadas polos nenos e nenas ao conxunto da veciñanza.

A alcaldesa agradece a implicación da comunidade educativa e do alumnado nesta iniciativa, xa que “a educación é unha ferramenta imprescindible para previr a violencia de xénero. Que os nenos e nenas participen activamente, reflexionen e elaboren as súas propias mensaxes é unha maneira de sementar conciencia crítica e avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria”.

Comparte este artigo