O Concello de Covelo conmemora o Día Internacional da Muller Rural cunha iniciativa do Círculo de Mulleres

Redacción

As árbores creadas polas participantes do Círculo de Mulleres de Covelo estarán expostas na entrada do Concello para compartir coa veciñanza as súas reflexións sobre o significado de ser muller no rural.
O Concello de Covelo conmemora este 15 de outubro o Día Internacional da Muller Rural, unha data para recoñecer o papel fundamental das mulleres na vida das nosas comunidades, no mantemento das tradicións e na transmisión dos coñecementos que forman parte da identidade do rural.
Con motivo desta celebración, o Círculo de Mulleres de Covelo preparou, na súa última sesión, unha actividade especial centrada na figura da muller rural. As participantes elaboraron unhas árbores debuxadas que, a través da súa simboloxía, representan as súas vivencias, reflexións e o que significa para elas ser muller no rural.
As creacións estarán expostas na entrada do Concello de Covelo, onde poderán ser visitadas pola veciñanza. A iniciativa busca dar visibilidade ás voces das mulleres rurais e compartir unha reflexión colectiva sobre as súas experiencias, o seu papel na sociedade e a importancia de seguir construíndo espazos de encontro e participación.
O Círculo de Mulleres de Covelo é un espazo de encontro, escoita e benestar no que as participantes poden compartir experiencias, conectar consigo mesmas e medrar xuntas.
Con esta iniciativa, o Concello súmase á celebración dunha data que lembra a importancia de recoñecer e valorar o traballo das mulleres rurais, mulleres cuxo compromiso e esforzo contribúen cada día a manter viva a nosa terra.
Como as árbores que hoxe protagonizan esta exposición, as mulleres rurais teñen raíces fondas que sosteñen a nosa identidade e seguen facendo medrar o futuro de Covelo.

Comparte este artigo