O Tribunal de Contratación Pública avala a valoración técnica do contrato da auga e o Concello avanza coa adxudicación

Redacción

A resolución desestima as alegacións de Hidrogestión sobre a valoración da súa oferta e a retroacción do procedemento limítase á publicación do informe íntegro de valoración

O Pleno acordou hoxe facer público o informe completo e a Mesa de Contratación deu continuidade ao procedemento

O Concello de Ponteareas continúa coa tramitación do contrato para a xestión do ciclo integral da auga tras adoptar as actuacións necesarias para dar cumprimento á resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia sobre o recurso presentado pola empresa Hidrogestión contra a súa exclusión do procedemento.

A resolución do Tribunal mantén a valoración técnica realizada das ofertas presentadas á licitación e desestima as alegacións formuladas por Hidrogestión respecto da avaliación da súa proposta técnica e das puntuacións que determinaron que non superase a fase correspondente do procedemento.

A retroacción acordada polo Tribunal está relacionada coa publicidade do informe de valoración das ofertas. Durante a tramitación do procedemento, o Concello publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público unha versión resumida do informe de valoración co obxectivo de preservar determinados datos e informacións que as propias empresas licitadoras identificaran como confidenciais nas súas respectivas ofertas.

A resolución establece a necesidade de que o órgano de contratación se pronuncie expresamente sobre esta cuestión e determine o alcance da información que debe facerse pública.

Para dar cumprimento á resolución, o Pleno do Concello acordou na sesión extraordinaria celebrada hoxe a publicación íntegra do informe de valoración das ofertas, decisión que xa foi comunicada ao Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia.

Deste xeito, a retroacción do procedemento non implica repetir a valoración técnica das ofertas nin modificar as puntuacións outorgadas, senón completar a tramitación relativa á publicidade do informe e continuar o expediente desde ese momento procedemental.

A concelleira Raquel Bautista sinalou que “a resolución permite aclarar con absoluta precisión o alcance da retroacción. Non se anula o procedemento, non se repite a valoración técnica e non se modifican as puntuacións. O Concello cumpre o requirido polo Tribunal e continúa coa tramitación do expediente con todas as garantías”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, destacou que “estamos falando dun proxecto estratéxico para o noso municipio, cun investimento previsto de 32,5 millóns de euros, que permitirá avanzar cara a unha rede integral de saneamento e mellorar un servizo esencial para os veciños e veciñas de Ponteareas. O noso deber é tramitar un contrato desta dimensión con rigor, transparencia e todas as garantías xurídicas”, sinalou a alcaldesa.

O procedemento continúa

Tras a celebración do Pleno extraordinario reuniuse a Mesa de Contratación para dar continuidade ao expediente e adoptar os acordos derivados da resolución do Tribunal.

O Concello subliña que está dando cumprimento inmediato á resolución do Tribunal, garantindo a transparencia, a seguridade xurídica e todas as garantías do procedemento de contratación.

A resolución non obriga a comezar de novo o procedemento nin a repetir a valoración das ofertas: unha vez completada a cuestión relativa á publicidade do informe e a subsanación documental requirida, o expediente continuará a súa tramitación cara á adxudicación do contrato do ciclo integral da auga.

Comparte este artigo