As emocións, aplausos e os momentos compartidos que deixou a última edición do 6×6 Punto de Encontro xa poden revivirse a través do vídeo resumo publicado polo Concello de Oia na súa canle de YouTube. A peza audiovisual recompila algúns dos instantes máis destacados dun festival que, un ano máis, converteu o municipio nun gran escenario de cultura, convivencia e participación veciñal.
Ao longo de dous días, o barrio histórico de Oia e as súas inmediacións acolleron unha programación que, organizada polo Concello e baixo a dirección de A Artística Teatro e Danza (Alfredo Rodríguez) reuniu teatro, música, audiovisual, artesanía e espectáculos de rúa. O evento desenvolveuse baixo o título “Oia, unha porta entre a montaña e o mar” e contou cunha ampla resposta do público así como unha destacada implicación da veciñanza, auténtica protagonista desta cita cultural.
O vídeo permite volver vivir actuacións como a mostra de teatro veciñal, o espectáculo infantil, a música en directo, o mercado de artesanía, o espectáculo de rúa Ghappening ou as proxeccións do obradoiro de fotografía e máis o documental Novas Cantigas Oienses, co seu peche musical; recollendo tamén o ambiente que se respirou durante toda a fin de semana e que converteu esta novena edición nun novo éxito de participación.
O Concello de Oia e A Artística queren agradecer a colaboración de todas as persoas, colectivos e entidades que fixeron posible o desenvolvemento desta edición do festival, así como a excelente resposta do público, que encheu os distintos espazos da programación e contribuíu a consolidar o 6×6 Punto de Encontro como unha das citas culturais de referencia do municipio.
Fiel á tradición das últimas edicións, o Concello comparte un novo vídeo resumo do 6×6 Punto de Encontro. Alén de recompilar imaxes, a peza convértese nunha pequena memoria audiovisual do festival, permitindo revivir o ambiente, as emocións e a implicación veciñal que volveron facer desta cita un auténtico punto de encontro arredor da cultura.

