O XII Festival Algazara “Danzando entre culturas” amplíase a seis países e a dous días de actuacións

Redacción

Co novo formato o espectáculo poderá contar con artistas de Europa, América e Asia compartindo escenario co folclore galego os día 26 e 27 de xullo no Parque da Feira Vella

O parque da Feira Vella de Ponteareas prepárase para vivir, os días 26 e 27 de xullo, unha das propostas máis vibrantes do ano, coa chegada da XII edición  do  Festival  Internacional  Algazara  “Danzando  entre  Culturas”,  organizado  pola Agrupación Folclórica Algazara e contando coa colaboración do concello de Ponteareas.  

Este evento, consolidado como un referente de irmandade e intercambio cultural na provincia de  Pontevedra,  presenta  este  ano  unha  gran novidade:  por  primeira  vez  na  súa traxectoria, expande a súa duración a dúas xornadas consecutivas, multiplicando a súa oferta artística  e o  número de  países  participantes,  contando nesta  ocasión  cun total  de  seis delegacións internacionais procedentes de Europa, América e Asia.  

O  evento,  que  foi  presentado  no  concello,  contou  coa  presenza  do  vicepresidente  da agrupación,  Iván Álvarez, acompañado por outros membros da agrupación; co concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, e a alcaldesa da localidade, Nava Castro.  

Iván Álvarez puxo de manifesto que a ampliación a dous días é unha demanda crecente do público e ao prestixio internacional que o festival foi gañando ano tras ano”. O vicepresidente engadiu que “Danzando entre Culturas” non é só un espectáculo visual; “é un espazo  de convivencia onde os pobos se comunican sen barreiras idiomáticas, utilizando a danza como linguaxe  universal”.  O concelleiro  de cultura, Juan Carlos  González,  enxalzou  o traballo realizado  por  Algazara  “para  preservar  a  identidade  cultural  dos  pobos,  manter  viva a memoria colectiva e estreitar lazos a través da música e a danza tradicional”.  

Pola súa  banda,  a alcaldesa,  Nava Castro, ademáis  de felicitar a Agrupación Folclórica Algazara, puxo de manifesto a relevancia do evento, que converte a Ponteareas “no epicentro da danza e a diversidade, ademais de ser unha ferramenta indispensable  para “abrir as portas do municipio ao mundo, unindo diferentes culturas nun mesmo escenario”. A alcaldesa remarcou que o respaldo do Concello á Agrupación Algazara non é só institucional, senón unha aposta firme, cun dos eventos culturais máis destacados do verán, “por traer a cor e o folclore dos diferentes recunchos do planeta de forma totalmente gratuíta” para os veciños e as veciñas. 

Programa

 A  Agrupación  Folclórica  Algazara,  deseñou  un  programa  ambicioso  que  divide  ás delegacións internacionais en dúas galas diferenciadas, garantindo un espectáculo dinámico e cheo de contrastes en cada xornada. Con hora de comezo ás 22.00 horas, a primeira noite, a do domingo, terá lugar a gala de apertura e estará marcada pola elegancia e o misticismo dos bailes tradicionais de Letonia, que traerán a esencia do norte de Europa. O continente americano tomará a vez coa forza dos ritmos andinos do Perú e o colorido folclore costeiro de Ecuador, dous países cun patrimonio dancístico de enorme riqueza.

A Gala de Clausura, a do luns 27, contará coa espectacularidade exótica de Indonesia, cuxos bailes rituais e traxes cerimoniais prometen fascinar ao público. O festival mirará cara ao Cono Sur coa enerxía e a tradición gaucha de Arxentina e a elegancia das danzas  típicas  de Chile. Como nexo de unión desta  gran festa da diversidade, a propia Agrupación  Folclórica  Algazara  actuará  nas  dúas  xornadas.  Os anfitrións  exercerán de embaixadores da cultura galega, presentando un repertorio de música tradicional que poñerá en valor a identidade local ante as delegacións estranxeiras. 

A Agrupación Folclórica Algazara naceu en 1997 co obxectivo de recuperar e difundir non só o folclore  da  nosa  comarca senón de  Galiza  en  xeral.  Dende  fai 26  anos  leva  acabo numerosas actividades como xornadas, intercambios culturais así como festivais de folclore nacionais  sempre cunha ollada á transmisión  e mantemento da cultura popular,  música e danza. Dende 2015 organiza en colaboración co concello de Ponteareas o Festival de folclore internacional Algazara “Danzando entre Cultura

Comparte este artigo