Sete familias, das que catro participan por vez primeira no programa, acollerán aos cativos durante os meses de xullo e agosto
Dende hai uns días oito nenos e nenas saharauís están a pasar o verán en Tui no seo de sete familias acolledoras. Ir á praia, percorrer o Monte Aloia, ir á piscina, e coñecer toda a nosa contorna son so algunhas das actividades que realizan na súa estadía na cidade. Forman parte do grupo nenos e nenas saharauís que este verán estarán en Galicia ao abeiro do programa Vacacións en Paz promovido por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, e que neste caso conta coa colaboración do Concello de Tui.
A pasada semana o alcalde, Enrique Cabaleiro, xunto a concelleiros e concelleiras da corporación tudense déronlles a benvida a estes sete nenos e unha nena que convivirán con sete familias durante estes meses de verán. O rexedor tudense agradeceu a solidariedade das familias, tres delas repetidoras e catro que participan por vez primeira, ao acoller a estes cativos e cativa compartindo con eles a vida familiar durante estas semanas. Agasallaron aos pequenos e pequenas cunha mochila, material escolar, e diversos xogos que de seguro están xa a disfrutar na súa estadía en Tui.
Hai máis de tres décadas que o Concello de Tui participa no programa Vacacións en Paz promovido por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Esta estadía permítenlles evitar as altas temperaturas que no verán se rexistran nos campamentos en Tindouf. Ao tempo durante as semanas que viven en Tui poden realizar revisión médicas e aprender ou mellorar o seu castelán. Grazas esta programa cada verán nenos e nenas saharauís pasan os meses de xullo e agosto na cidade no seo de familias acolledoras, creando un vínculo que perdura no tempo.

