Os traballos non estaban contemplados no proxecto arquitectónico de rehabilitación do edificio

Redacción

A cementación integral do contorno da antiga escola de Redo contradí as recomendacións actuais de adaptación ao cambio climático

O recente acondicionamento realizado polo Concello de Mondariz na contorna da antiga escola de Redo, na parroquia de Vilar, suscita unha fonda preocupación pola orientación adoptada nun proxecto que afecta a un equipamento sociocultural de titularidade municipal.

Tras a finalización das obras, o espazo exterior do edificio foi cuberto na súa totalidade por unha extensa superficie de formigón. Esta actuación non figuraba no proxecto de rehabilitación redactado polo arquitecto responsable da intervención, que si contemplaba unha partida de 2.396,92 euros para o axardinamento con céspede sobre terra vexetal desta zona verde e a súa integración como parte do conxunto.

A decisión de eliminar unha parte substancial da superficie natural e substituíla por unha plataforma continua de cemento resulta especialmente difícil de comprender nun contexto de emerxencia climática como o actual. Nos últimos anos, organismos internacionais e entidades especializadas en saúde pública e planificación urbana veñen insistindo na necesidade de avanzar cara a modelos con maior presenza de vexetación, zonas de sombra, fontes e puntos de auga, así como materiais que minimicen a acumulación de calor.

Pola contra, as superficies de formigón e outros materiais impermeables contribúen ao denominado efecto illa de calor, acumulando enerxía térmica durante o día e liberándoa lentamente durante as horas nocturnas. Como consecuencia, increméntanse as temperaturas do contorno e redúcese o confort térmico das persoas usuarias, especialmente durante os episodios de calor extrema que cada vez son máis frecuentes en Mondariz (a partir do xoves, día 18 de xuño, Meteogalicia prevé para Mondariz unhas temperaturas de 33 graos de máxima).

Esta situación afecta de maneira particular aos colectivos máis vulnerables: persoas maiores, crianzas, persoas con enfermidades crónicas e usuarios habituais deste tipo de equipamentos comunitarios. Resulta paradoxal que mentres numerosas administracións están a investir recursos públicos na renaturalización de prazas, patios escolares e espazos urbanos para crear refuxios climáticos, en Mondariz se aposte por unha solución que avanza precisamente na dirección contraria.

Para AporM, a intervención executada en Vilar representa unha oportunidade perdida para crear un espazo máis amable, máis sostible e mellor adaptado aos desafíos climáticos presentes e futuros.

Por todo o anterior, solicitamos ao Concello de Mondariz que explique publicamente os motivos que levaron a modificar os criterios inicialmente previstos na zona verde da antiga escola de Redo e que encargue un proxecto con medidas correctoras destinadas a incrementar a presenza de vexetación, sombra, fontes públicas e superficies permeables arredor deste edificio.

Comparte este artigo