Ponteareas converterase no referente do ciclismo coa disputa do Gran Premio Borja Gómez Méndez nas Festas de Setembro

Redacción
  • A competición, que se celebrará este domingo 13 de setembro a partir das 09:30 horas, discorrerá por un circuíto urbano de 3,5 quilómetros coa novidade dunha proba inclusiva.
  • O Club Ciclista Ponteareas Escola Borja Gómez organiza unha das citas deportivas máis agardadas do ano para as categorías base coa colaboración do Concello.

As rúas de Ponteareas volverán encherse de deporte, ilusión e velocidade este vindeiro domingo 13 de setembro coa celebración da sexta edición do Trofeo Gran Premio Borja Gómez Méndez – Ciclismo Festas de Setembro. A cita, plenamente consolidada no calendario autonómico, presentouse oficialmente no Concello de Ponteareas nun acto que contou coa presenza da alcaldesa, Nava Castro, o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, o concelleiro de Deportes, Nico Rodríguez, e o directivo do Club Ciclista Ponteareas, Ángel Pérez.

A xornada arrancará puntualmente ás 09:30 horas e congregará a maís de 200 deportistas de toda Galicia e o norte de Portugal. A organización explicou que a liña de saída e a zona de meta estarán situadas nas inmediacións do concello. Desde este punto neurálxico, os ciclistas afrontarán un circuíto urbano de 3,5 quilómetros que discorrerá polas principais arterias e rúas do centro da vila, configurando un trazado técnico, rápido e moi vistoso para o público. Este circuito acollerá de forma sucesiva as probas das categorías de Promesas, Principiantes, Alevíns, Infantís, Cadetes e Xuvenís.

O concelleiro de Deportes, Nico Rodríguez, destacou o impacto deste evento no calendario local: “Este gran premio é xa unha cita imprescindible que non só dinamiza as nosas festas, senón que premia o esforzo diario das escolas ciclistas. Para Ponteareas é un orgullo ver o centro urbano transformado nun circuíto cheo de vida, onde o ciclismo base demostra que o futuro do deporte galego está máis que asegurado”.

Fiel á súa filosofía solidaria e deportiva, a organización mantén o seu firme compromiso coa diversidade. Deste xeito, o evento volverá contar cunha proba especial inclusiva e adaptada, deseñada especificamente para promover o acceso universal ao deporte e visibilizar os valores de superación e compañerismo nun marco festivo incomparable. O trofeo rende homenaxe a Borja Gómez Méndez, referente deportivo local que encarna á perfección o espírito de loita na disciplina.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou que “o ciclismo forma parte da nosa identidade e do noso orgullo como pobo. Apoiar ao Club Ciclista Ponteareas e á súa escola é investir no futuro da nosa mocidade, fomentando hábitos saudables e dinamizando o noso municipio.” A alcaldesa tamén puxo de manifesto que “a nosa gran aposta é a inclusión real. A través do deporte adaptado e de referentes como Borja Gómez Méndez, demostramos que a bicicleta é unha ferramenta única para derrubar barreiras e garantir a igualdade de oportunidades para todos.”

Dende o concello e a propia organización anímase a toda a veciñanza e afeccionados a saír á rúa para arroupar á base do ciclismo nunha xornada que promete estar cargada de emoción.

Comparte este artigo