Nava Castro recordou que Ponteareas é un dos concellos pioneiros en apoiar o programa solidario
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, en nome de todos os concellos acolledores, ofreceu hoxe unha recepción oficial as quince nenas e nenos saharauis de entre 8 e 12 anos que pasan este verán nos concellos de Ponteareas, Mondariz, Covelo e Salvaterra, procedentes dos campamentos de refuxiados de Tinduf, onde viven en condicións de extrema dureza.
A súa estancia é posible grazas ao programa solidario «Vacacións en Paz», xestionado pola Delegación Saharaui en Galica e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS) e contando coa colaboración do concello de Ponteareas, ademáis da Xunta de Galicia e os restantes concellos acolledores.
O acto contou coa calurosa benvida institucional na que a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, estivo acompañada pola concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, o de Xuventude, Cristian Montes, o de Comercio e Ensino, Ricardo González, e a concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández. Os nenos do programa, os grandes protagonistas, estiveron acompañados pola delegada da zona de SOGAPS, Conchi Fernández, e coa presenza
dalgunhas familias de acollida que tutelan os menores durante os meses de xullo e agosto.
A concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, foi a encargada de abrir o acto, dando a benvida aos pequenos e amosando o seu desexo de que a experiencia supoña para os nenos unha estadía positiva e agradable, lonxe da súa realidade habitual”. Pola súa banda, Conchi Fernández, delegada de zona de SOGAPS, agradeceu a estreita colaboración do Concello, “pioneiro no apoio programa e sendo un dos concellos máis acolledores nos difíciles primeiros anos”, e de toda a comunidade do Condado-A Paradanta. Fernández lembrou a “importancia de visibilizar a situación do pobo saharauí e de manter vivos estes lazos culturais, solidarios e afectivos” que unen a Galicia cos campamentos de refuxiados de Tinduf desde hai décadas.
A alcaldesa Nava Castro, en representación de todos os concellos acolledores do Condado e A Paradanta, destacou o compromiso histórico do municipio con este programa humanitario. “Ponteareas foi un dos concellos pioneiros en Galicia en apoiar o programa ‘Vacacións en Paz’, xa na época de José Castro como alcalde, e con Juan José Castro como responsable de Servizos Sociais”. O concello “vai a seguir dando o seu apoio sen dubidalo, pola enorme importancia social do mesmo”, sinalou a rexedora.
Castro subliñou que esta iniciativa reafirma os valores de solidariedade e cooperación internacional do pobo ponteareán, convertendo o municipio nun espazo de benvida e apoio activo. Así mesmo, agradeceu a xenerosidade das familias de acollida, ás que definió como “o motor imprescindible desta cadea solidaria”.
Finalmente, tamén aportou o seu testimonio, Jira Mohamed, filla de Mohamed Abdelaziz, quen foi Presidente da República Árabe Saharaui Democrática dende 1976 e ata 2016. Jira comezou a súa intervención recordando que xa se levan máis de 40 anos con este programa, dos que só podemos “agradecer o tremendo esforzo para acoller aos nenos como se foran os seus fillos”, cun carácter crácter, unha cultura e unhas personalidades diferentes. Mohamed rematou afirmando que o programa supón “un apoio claro a unha sociedade que quere ser oída, que quere ser libre, e as nenas e nenos son os mellores embaixadores”
Beneficios do programa
O programa coordinado por SOGAPS, e co que colabora o concello, destaca polas súas múltiples virtudes de carácter sanitario, social e humano, proporcionando aos menores unha cobertura integral. O obxectivo prioritario é afastar os menores das extremas temperaturas do deserto, que superan os 50 graos en verán, ofrecéndolles un clima máis favorable. Tamén que os menores reciban consultas médicas, analíticas, exames ópticos e atención bucodental gratuíta para previr e tratar doenzas ou carencias.
Non menos importante é o acceso a unha dieta variada e rica en produtos frescos que axuda a paliar os niveis de anemia e malnutrición comúns nos campamentos. E por suposto, o apartado de integración e aprendizaxe non é menos importante, coa participación en actividaes e obradoiros que fomentan o intercambio cultural e o desenvolvemento de habilidades en galego e castelán. Tamén actúa como un altofalante político e humano que lembra á comunidade internacional a situación de exilio que vive o pobo saharauí.
Os 15 menores continuarán coa súa axenda de actividades e convivencia familiar na comarca ata finais de agosto, data na que regresarán cos seus familiares aos campamentos de Tinduf.

