Ponteareas saca a licitación os últimos postos do novo Mercado Municipal “Mercatea”

Redacción

O concello organizará o lúns, día 27, unha visita as instalacións para que as persoas interesadas poidan coñecer os locais dispoñibles

O Concello de Ponteareas continúa dando pasos decisivos para a apertura do novo Mercado Municipal “Mercatea”. Trala publicación do procedemento, hoxe no BOP de Pontevedra,  ábrese a licitación dos tres últimos postos. Para iso convócase, o luns 27 ás 17.00 horas, a unha visita guiada aos futuros emprendedores, co fin de que poidan coñecer os locais e resolver dúbidas antes de presentar as súas propostas. Este proceso permitirá completar a oferta comercial do novo mercado antes da súa inauguración.

Esta convocatoria permitirá completar a ocupación do novo mercado antes da súa apertura ao público, prevista para os próximos días, reforzando a aposta do Concello por un espazo comercial moderno, dinámico e convertido nun verdadeiro punto de encontro para o comercio local, a gastronomía e os produtos de proximidade.

A licitación inclúe tres postos destinados a actividades complementarias que contribuirán a ofrecer unha ampla variedade de servizos aos futuros usuarios de “Mercatea”, onde terá cabida un posto de charcutería, cunha superficie de 15 metros cadrados e equipado con cámara frigorífica; e outro destinado a Viñoteca, cunha superficie de 16,30 metros cuadrados, para a venda de viños e productos gourmet.

Finalmente, o terceiro espazo está pensado para Bar-Cafetería, contando cun local de 20,20 metros cadrados, un almacén de 7,45 metros cadrados e unha ampla terraza de 31,70 metros cadrados.Cada licitador poderá presentar oferta para un único lote, garantindo así unha maior diversidade empresarial e favorecendo a incorporación de diferentes proxectos ao mercado.

Concesións de longa duración

Co obxectivo de ofrecer seguridade e estabilidade aos emprendedores, as concesións terán unha duración inicial de 15 anos, con posibilidade de prórrogas sucesivas ata alcanzar un máximo de 50 anos, permitindo consolidar proxectos empresariais a longo prazo.

Ademais, o Concello decidiu non establecer ningún canon concesional, unha medida adoptada para facilitar o inicio da actividade económica e favorecer a ocupación de todos os postos desde o primeiro día de funcionamento do mercado. O único importe que deberán aboar os concesionarios será a taxa municipal correspondente pola utilización do dominio público, conforme á ordenanza fiscal vixente.

Servizos e vantaxes

As persoas adxudicatarias poderán iniciar a súa actividade nun mercado completamente novo e equipado, beneficiándose dunha serie de servizos que reducen significativamente os custos iniciais da implantación. Entre as principais condicións destacan a entrega de postos xa construídos e preparados para a súa posta en funcionamento e o abastecemento de auga incluído, sendo asumido polo Concello.

No caso da Viñoteca, tamén estará incluído o consumo eléctrico mentres que os concesionarios da Charcutería e do Bar-Cafetería deberán contratar directamente a subministración eléctrica. Finalmente, o Concello asumirá o mantemento das zonas comúns do mercado, mentres que cada concesionario será responsable do equipamento comercial, maquinaria e mobiliario do seu posto.

A selección das persoas adxudicatarias non dependerá dunha oferta económica, senón da calidade do proxecto empresarial presentado. A valoración alcanzará un máximo de 100 puntos, poidendo acadar ata 40 puntos pola experiencia profesional no sector correspondente, outros 40 puntos polo plan de explotación da actividade e 20 puntos pola proposta de mobiliario, equipamento e integración estética no mercado.

Comparte este artigo