Rafa Domínguez propón crear os accesos a Ence dende a Autovía de Marín para eliminar o tráfico pesado da estrada vella de Marín

Redacción
  • A actuación suporía retirar o paso de preto de 400 camións diarios, o que suporía mellorar a calidade de vida da veciñanza con máis seguridade, menos ruído e unha infraestrutura en mellor estado
  • “Estamos a falar unha obra tecnicamente sinxela. Non é unha gran infraestrutura, senón dous carrís de conexión. Sabemos, ademais, que se está proxectando unha obra na autovía de Marín para evitar as inundacións e consideramos que sería o momento oportuno para realizar esta obra”, explicou Domínguez

O presidente local e portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou hoxe unha importante proposta para a veciñanza da parroquia de Lourizán: a retirada do tráfico pesado da estrada vella de Marín creando unha vía de entrada e outro de saída a Ence dende a autovía PO11.

Domínguez indicou que a PO546 soporta o paso de entre 40.000 e 50.000 camións de madeira ao ano, o que supón unha media de entre 300 e 400 vehículos pesados ao día só de madeira, sen contar os de material químico ou celulosa. E todo isto nun vial que non está preparado para soportar este nivel de intensidade e, sobre todo, nunha zona veciñal que merece vivir con seguridade.

Por iso, a proposta do Partido Popular é a de construír dous carrís directos dende a PO11 ata Ence: un de entrada e outro de saída para que os o tráfico de camións se concentre na autovía e non nun vial secundario como é a PO546.  “O obxectivo é sinxelo: que a estrada vella de Marín volva ser unha estrada para veciños, peóns, escolares e transporte público e non un corredor de camións”, indica o líder do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez.

Para o portavoz do Partido Popular resulta claro que hai que aproveitar a ubicación da empresa para facer unha conexión directa coa autovía pois “a fábrica está pegada á autovía. O único que falta é conectalas”, indica Domínguez, quen apunta á reforma prevista do vial para resolver a problemática das inundacións como o momento oportuno “para crear os novos accesos directamente dende a PO11”.

A proposta do Partido Popular suxire a construción dun carril de entrada e outro de saída dende a PO11 (dirección Marín – Pontevedra), dispondo dun carril de desaceleración á altura das balsas para entrar directamente na fábrica e un segundo carril de aceleración para incorporarse á autovía dende a nave principal, en ámbolos dous casos facendo as manobras con total seguridade.

“Estamos a falar unha obra tecnicamente sinxela. Non é unha gran infraestrutura, senón dous carrís de conexión. Sabemos, ademais, que se está proxectando unha obra na autovía de Marín para evitar as inundacións e consideramos que sería o momento oportuno para realizar esta obra”, explicou Domínguez, quen apunta que “segundo nos comentaron os veciños a propia Ence estaría disposta a asumir o investimento. O que faltou ata o de agora foi vontade política”.

Neste sentido, Domínguez apuntou á falta de sensibilidade do Goberno de Pedro Sánchez con autovía de Marín, onde recordou está pendente a finalización do paseo peonil, unha obra que podería ser unha realidade tras as eleccións do vindeiro 29 de novembro se Alberto Núñez Feijóo acada o Goberno de España.

Domínguez destacou o importantes investimento que a Xunta de Galicia está a facer na parroquia de Lourizán. Por un lado, na obra de mellora da seguridade viaria da PO546 a través dun proxecto de 8 millóns de euros que está a instalar beirarrúas e realizando unha humanización moi necesaria para esta parroquia. Tamén na parroquia está prevista unha importante actuación no Pazo de Lourizán, que responde a unha débeda histórica con todos os pontevedreses e que levará á parroquia a outro nivel.

“Lourizán é, sen dúbida, unha das zonas que máis atención está a ter por parte da Xunta de Galicia. Son dúas actuacións moi importantes que van a xerar un cambio moi merecido para a parroquia”, explicou Domínguez. E a guinda sería a proposta lanzada hoxe polo Partido Popular: a retirada do tráfico pesado da estrada vella de Marín, unha demanda histórica da veciñanza cunha solución sinxela que non se materializou por falta de vontade política e que devolvería a seguridade aos veciños da parroquia e ao resto de peóns e ciclistas que empregan esta estrada a diario.

“Os veciños de Lourizán merecen vivir con tranquilidade e non na situación de alerta na que están a diario. Que cada día circulen por esta vía centos de camións con 40 toneladas de madeira non é do gusto de ninguén”, comenta Domínguez, quen recalca que a veciñanza sofre do ruído, vibracións, polvo e, sobre todo, viven nun risco continuado. Con esta proposta, os veciños ganan en seguridade e calidade de vida, a estrada vella de Marín recuperaríase para un tráfico normal e habería tamén unha importante mellora para os transportistas, cun acceso máis directo.

O Partido Popular presentará ao vindeiro Pleno da Corporación esta proposta para ser debatida por todos os grupos políticos. Ademais, presentará a proposta aos diferentes colectivos veciñais de Lourizán para escoitar e incluír as súas aportacións e pedirá ás administracións competentes: Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra e Goberno de España, así como á empresa Ence, o seu compromiso para materializar este pequeno pero importante proxecto para os veciños de Lourizán.

Comparte este artigo