Este xoves a Biblioteca Xela Arias organizou un encontro entre maiores e escolares para lembrar xuntos a figura de Rosalía de Castro nas datas próximas ao seu aniversario.
Persoas usuarias do obradoiro de estimulación cognitiva de AFAGA Alzheimer en Chapela xuntáronse con escolares do 1º ciclo de Primaria do CEIP Alexandre Bóveda.
Nunha primeira parte da actividade os participantes de cada grupo fixeron respectivas preguntas para coñecerse mellor, e comparar as características das diferentes xeracións.
Lembramos o aniversario de Rosalía de Castro. Os maiores leron dous poemas escollidos da autora, mentres que a rapazada interpretou un poema cantado. Pero o máis estimulante foi a actividade manual, máis participativa, onde decoramos con «camelias rosalianas», feitas con papel, os poemas interpretados polos participantes.
Temos que comentar que esta vén ser a primeira experiencia que facemos nas bibliotecas con grupos interxeracionais, e quedamos contentos, xa que as reaccións de todos os participantes resultaron satisfactorias. Tamén pola actividade manual que se lles propuxo, que resultou estimulante e moi acorde aos seus gustos.
A Biblioteca Xela Arias, que celebra este ano o seu 20 aniversario, está a fomentar o protagonismo e a participación das persoas usuarias en diferentes públicos.
Levamos a cabo esta actividade dentro da programación da Semaniña Enteira, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística de Redondela, que xunto cos centros de ensino e máis outros colectivos do noso Concello, pretende fomentar o uso do galego na semana de celebración do 23 de febreiro, Día de Rosalía.