∙ A nova integrante do Goberno cuntiense substituirá a José Fernández Treviño, quen renunciou á acta por razóns profesionais
∙ O alcalde, Manuel Campos, agradece a implicación e o labor realizado por Treviño durante os anos nos que formou parte do equipo de Goberno e salienta o “compromiso e as gañas de traballar en favor da veciñanza” da nova edil
O vindeiro luns, día 13 de maio, o Pleno abordará, desde as 20.30 horas, varias cuestións. Unha delas será a toma de posesión de María Sandra Barreiro Tobío, que pasa a formar parte da Corporación municipal, logo de que xa se completase a renuncia á acta de José Fernández Treviño, que deixa o cargo por motivos profesionais. Deste xeito, a socialista pasa a formar parte do equipo de Goberno cuntiense. O alcalde, Manuel Campos, salienta “o compromiso e as gañas de traballar en favor da veciñanza” por parte da nova concelleira, que formou parte das candidaturas que o PSOE formou tanto para os comicios de 2019, onde figurou como número oito, como en 2023, na que ocupou a sétima posición.
Ademais, o rexedor tamén tivo unhas palabras de agradecemento para Fernández Treviño polo traballo desenvolto tanto durante estes meses como ao longo do pasado mandato, tempo no que formou parte do equipo de Goberno.
“Destaco sobre todo a súa implicación e dedicación neste tempo do que formou parte da Corporación”, indicou Campos Velay. Hai que lembrar que José Fernández Treviño, despois da súa etapa no mandato anterior, retornou ao equipo de Goberno en outubro de 2023, para substituír ao falecido Roberto Caeiro.
Por outra banda, durante a sesión plenaria do vindeiro luns tamén se efectuará o sorteo público para a designación dos membros das mesas electorais das eleccións ao Parlamento Europeo, que se celebrarán o 9 de xuño. Ademais, abordaranse propostas de Alcaldía para a aprobación provisional da nova taxa de regulación do Servizo Municipal de Emerxencias, entre outros asuntos.