Seaga revisará nos próximos quince días o estado das faixas secundarias en todo Marín para garantir a prevención de incendios forestais

Redacción

O Goberno local solicitou á empresa da Xunta de Galicia esta segunda revisión dentro do convenio que garante unha correcta xestión da biomasa no municipio

O traballo de prevención e defensa contra os incendios forestais é un dos eixos de traballo e prioridade para o Goberno local, que conta cun convenio nesta materia coa Xunta de Galicia, a través de Seaga, para consolidar un sistema de xestión de biomasa que permita manter en perfecto estado as faixas secundarias, eses espazos que colindan coas vivendas e cuio coidado evita as consecuencias terribles que os incendios teñen sobre os bens materiais e sobre as persoas.

Así, neste contexto, o Concello solicitou a Seaga en abril que realizasen unha segunda revisión do estado das faixas en todo o termo municipal, para comprobar se se realizaron os traballos obrigados de roza e desbroce, así como a retirada de especies pirófitas, principalmente eucalipto, pino e acacia, non permitidas na contorna dos núcleos.

Esta segunda revisión faise despois de que en setembro de 2023 se fixera unha primeira notificación aos propietarios das parcelas, deixando aínda máis marxe para a limpeza das faixas da que recolle a normativa, debido á dificultade de atopar tanto empresas de desbroce como madereiros para actuar en tan pouco tempo.

Agora, esta segunda revisión xa pretende que non exista ningunha faixa secundaria imcumprindo a normativa, polo que al longo destes próximos 15 días estará no territorio persoal de Seaga facendo as comprobacións pertinentes, para despois continuar coa tramitación dos expedientes.

Tal e como explica o Goberno local, estas revisións e o seguemento do convenio para garantir unha boa xestión de biomasa é fundamental, nun momento no que as condicións climatolóxicas actuais provocan incendios máis incontrolables e virulentos.

Comparte este artigo