HomePontevedraO SalnésSOS Sanidade Pública do Salnés chama á mobilización o vindeiro 12 de...

SOS Sanidade Pública do Salnés chama á mobilización o vindeiro 12 de xuño ante o desmantelamento e colapso da Atención Primaria e Hospitalaria na comarca

- Anuncio -spot_img

Na reunión mantida esta cuarta feira, a Plataforma SOS Sanidade Pública do Salnés acordou apoiar as mobilizacións que se celebrarán por toda Galiza baixo o lema: “Listas de agarda. Máis transparencia. Máis recursos públicos”.

A convocatoria do 12 de xuño ten como obxectivo denunciar a situación alarmante na que se atopa a sanidade pública, especialmente na comarca do Salnés, que está a sufrir as consecuencias dunha nefasta xestión por parte do Goberno do PP na Xunta de Galiza. Esta xestión afecta gravemente á atención sanitaria, en particular á Atención Primaria.

Segundo o portavoz da Plataforma, Xosé Manuel Ribadomar, a situación na comarca é crítica: listas de agarda que superan os 15 días —chegando nalgúns casos ao mes—, falta de pediatras na maioría dos centros de saúde, e ausencia de persoal médico en numerosos concellos. Exemplos desta precariedade danse en Catoira, onde unha médica está de baixa e outra cunha xornada reducida; en O Grove, cunhas urxencias colapsadas pola falta de profesionais; ou en Meaño, onde a veciñanza de Dena é derivada ao centro de saúde de Meaño por non dispor de médico.

Ademais, denuncia que na área do Salnés hai 10.108 persoas en lista de espera, sen contar as que se atopan nas listas non estruturais; 5.975 persoas están agardando por unha primeira consulta, 3.459 por unha proba diagnóstica, e 674 por unha intervención cirúrxica. Estes datos, superiores aos de hai apenas seis meses, obrigan a moitas persoas a recorrer á sanidade privada ante enfermidades graves.

Ribadomar tamén critica a decisión da Consellaría de Sanidade de trasladar a ambulancia medicalizada con base no Hospital do Salnés ao concello de Sanxenxo durante os meses de verán. Esta medida deixa sen cobertura a moitas localidades da comarca e pon en risco a saúde da veciñanza. No canto de reforzar con outra ambulancia os concellos que incrementan exponencialmente a súa poboación durante a época estival, como O Grove e Sanxenxo, optan por restar recursos á comarca, en vez de reforzar as urxencias e emerxencias nesta época.

Fronte a este modelo precarizador do PP, que favorece os intereses da sanidade privada por riba dun servizo público esencial, a Plataforma SOS Sanidade Pública do Salnés fai un chamamento á cidadanía para participar na concentración que terá lugar o 12 de xuño, ás 11:45 horas, diante do Hospital do Salnés.

Publicacións Relacionadas