O BNG de Sanxenxo carga contra o Goberno do Partido Popular por continuar encarecendo servizos e prestacións
Os nacionalistas lembran que a actualización de prezos da piscina e das Escolas de Música e de Arte, así como da ludoteca, súmase ao incremento de impostos como o IBI ou o de vehículos, co único obxectivo de “pagar as sentenzas urbanísticas que son consecuencia da política de cemento e formigón do alcalde”
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo acusa ao alcalde, Telmo Martín, de afogar á veciñanza de Sanxenxo coa nova suba de taxas que aprobará no Pleno ordinario do vindeiro luns. Un novo golpe aos aforros dos veciños e veciñas, que se suma ao incremento de impostos como o IBI ou o de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM). “O señor Martín segue implacable á hora de conseguir que as nefastas consecuencias da súa política de cemento e formigón sexan asumidas pola cidadanía”, criticou o voceiro do BNG, Fran Leiro.
Leiro lamenta que o Goberno do Partido Popular continúe encarecendo o prezo dos servizos, que en moitos casos “son prestacións que se atopan con ifraestructuras nas que se levan anos demandando actuacións”. O concelleiro nacionalista pon como exemplo a situación da piscina municipal de Baltar, onde moitos usuarios e usuarias veñen de denunciar deficiencias nas instalacións, como as humidades e vías de auga detectadas no ximnasio. Un feito especialmente grave, tendo en conta que, precisamente, a piscina é un dos servizos que experimentará un maior incremento. “O señor Martín minte cando afirma que esta suba non afectará ás persoas empadroadas en Sanxenxo”, advirte Fran Leiro, que recorda que, por exemplo, a cota de alta pasará de 10 a 15 euros para todas as persoas que se queiran inscribir como socios ou socias. Tampouco hai que esquecer o encarecemento do bono de 15 pases, que pasará dos 33 euros actuais aos 45 para un gran número de usuarias e usuarios.
Desde o Bloque, lembran, asemade, que esta suba tamén afectará ás Escolas de Música e de Arte ou á ludoteca. “Apenas levamos un ano de mandato e as familias de Sanxenxo van ter que facer fronte a unha maior presión fiscal promovida polo señor Telmo Martín”, denuncia Fran Leiro, que ten claro que o alcalde non variará esta liña de incremento de impostos e taxas, “a pesares de que en maio de 2023 comprometeuse a baixar os impostos. Non só non os reduciu, senón que non deixa de aumentalos”, apuntou o concelleiro nacionalista, que tampouco esquece o obxectivo do Partido Popular de incrementar a recadación a través dunha nova ordenanza fiscal para regular os vados. “Un ‘decretazo’ que xa estaban padecendo algúns veciños e veciñas e que foi freado pola denuncia pública feita polo Bloque Nacionalista Galego”.
Por último, Leiro incidiu no feito de que o encarecemento dos servizos “é a única ferramenta que sabe utilizar Telmo Martín para poder facer fronte ás sentenzas urbanísticas desfavorables e para poder asumir o incremento do seu soldo e os do equipo de Goberno do Partido Popular”.