Tomiño alega contra o proxecto de transporte da Xunta de Galicia que empeora o servizo e recorta conexións

Redacción

O Concello advirte de que desaparecen as conexións de Taborda, Piñeiro e Sobrada de Arriba, mentres a liña semidirecta a Vigo prevé viaxes de hora e media. Reclama á Xunta que visite o territorio e revise unha proposta que non atende as demandas xa trasladadas en outubro de 2025.

O Concello de Tomiño ven de presentar alegacións ao proxecto da nova concesión de transporte público da Xunta de Galicia ao comprobar que elimina conexións existentes nas parroquias do interior e non resolve as dificultades para desprazarse a Vigo, aos hospitais ou á universidade. O goberno municipal lamenta que a proposta non atenda as demandas que o Concello e a Mancomunidade do Baixo Miño trasladaron xa en outubro do ano pasado.

O retroceso máis grave afecta a Taborda, Piñeiro e Sobrada de Arriba, dado que o novo deseño elimina os servizos que actualmente permiten desprazarse desde estes núcleos. Ademais, Santa María de Tebra, San Salvador de Tebra e Vilameán seguen tamén sen unha ruta regular que as conecte co núcleo municipal.

A proposta tampouco mellora as viaxes máis habituais fóra do municipio. A liña presentada como semidirecta a Vigo prevé hora e media de traxecto e sitúa as súas catro saídas cara a cidade entre as 05.30 e as 08.30 horas, sen ofrecer esa alternativa durante o resto do día. Para chegar ao Hospital Álvaro Cunqueiro, os autobuses pasan antes pola estación intermodal de Vigo, nunha viaxe estimada de unha hora e corenta minutos desde a avenida do Baixo Miño. Non hai, polo tanto, unha conexión directa cos hospitais nin se incorpora unha ruta ao Cunqueiro que dea servizo ás parroquias de Tebra.

«Se unha liña semidirecta tarda hora e media e unha persoa ten que pasar polo centro de Vigo para chegar ao hospital, este proxecto non está pensado para os desprazamentos reais da veciñanza. E é aínda máis grave que Taborda, Piñeiro e Sobrada de Arriba perdan as conexións que xa teñen», sinala a alcaldesa, Sandra González.

Nas alegacións, o Concello advirte tamén da falta de autobuses nas horas de maior demanda, das longas esperas dos domingos e dun regreso desde o campus universitario do CUVI que obriga o alumnado que remata as clases pola tarde a agardar ata as 20.45 horas. A estas carencias súmanse a ausencia dun reforzo do transporte interior os mércores, día de mercado, e o prezo previsto para os desprazamentos curtos entre as parroquias e o Seixo.

«Insistimos en que o persoal responsable da planificación veña a Tomiño e percorra o territorio. É o mellor xeito de comprender as distancias, a dispersión das nosas quince parroquias e os desprazamentos que a veciñanza precisa facer cada día», conclúe a rexidora.

Comparte este artigo