HomePontevedraBaixo MiñoTomiño mellora as súas instalacións deportivas co proxecto dos novos vestiarios do...

Tomiño mellora as súas instalacións deportivas co proxecto dos novos vestiarios do campo de fútbol do Alivio

- Anuncio -spot_img

O Concello saca a licitación por case 290.000 euros estas obras que permitirán crear unha infraestrutura moderna e eficiente

Tomiño continúa a apostar por unhas instalacións deportivas modernas, accesibles e de calidade. O Concello vén de sacar a licitación a construción dunha nova edificación no campo de fútbol do Alivio que albergará os novos vestiarios municipais, adaptados ás esixencias hixiénico-sanitarias e de accesibilidade propias dun equipamento público desta natureza.

O proxecto, cun orzamento de licitación de case 290.000 euros, permitirá dotar ao campo de fútbol dun espazo funcional e moderno que mellorará as condicións das persoas usuarias e deportistas. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 25 de outubro ás 23:59 horas. A actuación está cofinanciada ao abeiro do Plan +Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra (liña 1_Investimento) e do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

Cun prazo de execución de seis meses, o proxecto contempla traballos de escavación, movemento de terras e cimentación para adecuar a parcela á nova construción que acollerá os vestiarios e espazos complementarios. Inclúese tamén a demolición parcial do muro existente, co fin de conectar a plataforma actual na que se sitúa o campo coa nova infraestrutura.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que “esta é unha actuación moi necesaria, que responde a unha demanda histórica dos clubs e usuarios, e que suporá unha mellora substancial nas condicións de uso e accesibilidade das instalacións deportivas do Alivio”. “Seguimos a traballar para que Tomiño conte con infraestruturas modernas, seguras e inclusivas, que fomenten o deporte e a vida activa en igualdade de condicións”, destacou a rexedora.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Rubén García, destacou que “estes novos vestiarios serán un salto cualitativo para o campo do Alivio, que pasará a ter catro vestiarios como o resto de campos e gañará o espazo suficiente para compatibilizar os equipos femininos cos masculinos. O deporte en Tomiño non é só competición, senón tamén convivencia, saúde e participación, e por iso seguimos apostando por mellorar os espazos que o fan posible”.

Unha vez rematada a obra do novo pavillón da Carballa, con esta nova intervención o Concello continúa avanzando na modernización das súas infraestruturas deportivas, consolidando a súa aposta polo deporte como motor de cohesión social e benestar comunitario.

Publicacións Relacionadas